Díaz tilda a Perfecto Rodríguez de "mentiroso" e lle acusa de deixar só 6.000 euros para todos os colexios
Por Redacción
As críticas de Perfecto Rodríguez, que aseguraba ter deixado 10.000 euros para a reforma da cuberta do CEIP da Reigosa, á falta de actuación do novo goberno de Ponte Caldelas en materia de Educación, tiveron resposta este xoves. Andrés Díaz asegurou que o ex alcalde "volve a mentir aos veciños da Reigosa" e denuncia que só deixou uns 6.000 "para atender as numerosas obras de reparación en todos os centros educativos do municipio".
O novo equipo de goberno afirma que tras solicitar orzamentos a empresas do sector do metal instaladas no municipio para valorar a obra de cubrición do patio do colexio da Reigosa constataron que só en material "supéranse con creces" os 15.000 euros, polo que entenden que Perfecto Rodríguez "volve a mentir aos veciños nunha reiteración que roza o mal gusto".
Ademais, sinalan que desde que entraron no goberno "temos que resolver de xeito imprevisto toda unha serie de chapuzas que evidencian a urxencia electoralista e a falta de rigor á hora de poñer en marcha obras que ao final causan máis prexuízos e gastos dos desexables" e destacan que eles primarán a seguridade dos cativos sobre calquera "infamia electoralista e chapuceira" realizada por Rodríguez.
Finalmente, ante a insinuación de Perfecto Rodríguez de que os cartos para o patio do colexio foron para as festas, sinalan que "non lle queda máis remedio que recorrer á pataleta e á difamación ao ver que, pese a que nos deixou peladas as contas, fomos quen de facer unhas festas das que todo o mundo fala e di que foron estupendas e que volveron a recuperar o prestixio e a participación cidadá perdida hai tempo pola mala xestión do PPdeG".