O PP de Ponte Caldelas critica ao tripartito por gastar máis en festas que en mellorar os colexios
Por Redacción
O PP de Ponte Caldelas cuestiona a planificación que fixo o goberno local tripartito para a posta a punto dos centros educativos do municipio. A través dun comunicado, o voceiro popular, Perfecto Rodríguez, critica que se aumentase a partida económica adicada ás orquestras contratadas para as festas en detrimento de obras de mellora nos colexios.
Rodríguez sinala concretamente que o anterior equipo de goberno, que el lideraba, previra construír un patio cuberto no colexio da Reigosa. Para iso presupostouse unha partida de menos de 10.000 euros co fin de executala este verán contando cos operarios municipais.
Pola contra, engade o popular, o actual alcalde, o socialista Andrés Díaz "segue dando mostras de non saber xestionar o servizo municipal de obras, e vaise gastar 40.000 euros nunha obra que pode custar a cuarta parte se a fan os operarios municipais". Un custo que se incluiría nos presupostos municipais para o próximo exercicio, segundo se comprometeu o alcalde coa comunidade educativa do centro.