Poio prepara as culleres para dar conta de 200 quilos de garavanzos
Por Redacción
Máis de 500 quilos de carne e 200 de garavanzos encargou a asociación de veciños Boureante para atender a todas as persoas que se acheguen este fin de semana ao recinto da Seca para participar na Festa dos Callos. Será a novena edición deste evento imprescindible no calendario de citas gastronómicas galegas.
Seguindo a "receita da avoa" que engade "moito cariño" aos ingredientes da máxima calidade, o equipo de cociñeiras comezará o sábado con todos os preparativos no bautizado como o Serán dos Callos, para que o domigo ás doce do mediodía arranque a degustación.
Como outros anos, os visitantes poderán dispoñer da súa ración ao prezo de seis euros, coa súa cazola conmemorativa que poderán levarse de recordo, ademais de pan, viño ou auga. "Aínda que nunca faltan os que se achegan coa cazola e prefiren comer os callos na súa casa", comentaban dende a organización.
A previsión é que se despachen máis de 1.500 porcións deste prato, un dos manxares máis celebrados en toda Galicia. Quen o prefira poderá acompañar os callos con polbo e outros produtos típicos, tamén a prezos populares.
Ademais haberá actuacións de grupos de gaitas "para que sexa festa rachada".