A Festa dos Callos reparte 1.600 racións na Seca
Por Redacción & Diego Torrado
Este fin de semana, o recinto da Seca (Poio) volveu acoller unha importante presenza de visitantes para participar na oitava edición da Festa dos Callos. No evento gastronómico repartíronse 1.600 porcións deste produto que contou con 600 quilos de carne e 175 de garavanzos, entre outros ingredientes, segundo a Asociación de Veciños Boureante que se encarga da organización.
As persoas que acudiron tanto o sábado á celebración do Serán dos Callos como este domingo puideron levarse as cazolas típicas nas que se serve este prato.
O prezo de cada porción estableceuse, un ano máis, en seis euros acompañada por viño ou auga. Unha vez máis, nesta cita non faltaron as actuacións musicais a cargo das agrupacións da Escola de Música Tradicional e dos Alegres.