Poio prepárase para a VII Festa dos Callos
Por Diego Espiño
A Asociación Boureante, organizadora da Festa dos Callos de Poio, prepara xa os 150 quilos de garavanzos e 400 de carne que empregarán o próximo domingo 8 de setembro na sétima edición do evento gastronómico.
Dende a organización esperan despachar na alameda da Seca, dende as 12:00 horas, ao redor de 1.500 porcións a un "prezo popular", 6 euros que inclúen pan, viño e prato conmemorativo.
Ademais os asistentes poderán gozar de postos de artesanía, pulpeiro, outros pratos tradicionais e sobremesas diversas.
A Festa dos Callos serve para financiar as actividades que a Asociación Boureante organiza durante todo o ano no municpio, e esta vez volve incluír na tarde-noite do sábado un 'serán dos callos', no que os asistentes acompañarán aos cociñeiros cunha noite de música tradicional e comida popular.
Para a concelleira de Festas, Marga Caldas, con esta celebración ponse un broche de ouro ao verán do municipio: "é o lazo final das festas do concello en verán que comenzan co San Xoán".