Sanxenxo traslada á Xunta a petición de mellora de seguridade viaria nas Salinas, O Vinquiño e A Vichona
Por Redacción
A seguridade peonil e os problemas de mobilidade na estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308) e no cruzamento da Sanxenxo-Vilalonga (PO-504) coa vía provincial EP-9207 foron os principais asuntos que se analizaron na xuntanza que mantiveron este luns o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díez, e o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita.
Durante a reunión, o goberno galego analizou a petición do Concello de Sanxenxo de habilitar un paso de peóns na PO-308, nas Salinas, e outro á altura do tanatorio, no Vinquiño. O xefe territorial informou de que estes treitos non cumpren cos requisitos mínimos da normativa en materia de estradas para establecer un paso de peóns seguro para os usuarios, xa que, entre outros motivos, non conta con beirarrúas, non é unha vía iluminada e non é solo urbano.
Sen embargo, desde a Xunta de Galicia "seguirase a traballar para mellorar a seguridade nestas estradas", afirmou Díez.
Por outra banda, tamén se analizou a configuración do cruzamento da PO-504 coa provincial EP-9207, á altura da Vichona, co obxecto de aumentar a seguridade dos usuarios. José Luís Díez recordou que neste punto leváronse a cabo recentemente traballos de estreitamento dos carrís de entrada á intersección para conseguir a diminución da velocidade.
Ademais procedeuse á instalación de bandas transversais de alerta, reforzouse a sinalización horizontal con pintura no pavimento indicando a limitación da velocidade así como o balizamento. Tamén se optimizou a iluminación do aparcadoiro para incrementar a visibilidade dos vehículos que circulan pola estrada.
Finalmente tratouse o estado actual do firme en dous tramos da PO-308, en concreto na avenida Progreso e na glorieta de Baltar.
Ao remate da reunión, o xefe territorial confirmou que estudarase a viabilidade dos proxectos e as diferentes alternativas para atopar solucións a estes dous puntos negros.
Neste encontro, mantido na Delegación Territorial da Xunta, tamén estiveron presentes a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Rodríguez; o concelleiro de Urbanismo, Planificación e Infraestruturas, Daniel Fernández; e o xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.
Relacionadas:
-
Sanxenxo presiona á Xunta para asfaltar a rúa Progreso antes de Semana Santa
Por Redacción |
-
A plataforma veciñal da PO-504 traslada ao alcalde as súas reivindicacións para esta estrada
Por Redacción |
-
Piden á Xunta un semáforo na PO-504, á altura do tanatorio
Por Redacción |
-
O alcalde de Sanxenxo insiste en pedir unha reunión con Ethel Vázquez para falar da PO-308
Por Redacción |
-
Gonzalo Pita reitera á Xunta a petición de reforma dos treitos urbanos da PO-308
Por Redacción |
-
Deputación e Concello negocian unha solución á falta de seguridade dos peóns entre Portonovo e A Vichona
Por Redacción |
-
Sanxenxo urxe unha solución ao problema de inseguridade viaria nas Salinas
Por Redacción |
-
Gonzalo Pita pide a Costas unha solución viaria para As Salinas
Por Redacción |