Satisfacción no goberno local polos datos da XV Festa do Mar
Por Redacción
Máis de 20.000 persoas pasaron este ano pola Festa do Mar, en Combarro, na súa décimo quinta edición.
Son os datos que manexa o Concello de Poio, que valora positivamente a evolución da festa, celebrada entre o 19 e o 23 de agosto.
Esta afluencia de visitantes fixo que os hoteis de Combarro colgasen o cartel de completo durante os días de celebración, cheo que se rozou no resto do municipio cun 95% de ocupación, segundo explica a concellaría de Turismo.
Polo punto de información turística situado na propia festa pasaron 2.500 persoas, procedentes na súa maioría de Madrid, o resto de Galicia, Castela-León e Andalucía.
Ademais o posto gastronómico instalado polo Concello na carpa gastronómica despachou un total de 590 quilos de marisco.
No punto negativo sitúase o clima, que obrigou a suspender a Regata da Pamplina e o certame da Banda de Gaitas. Non obstante os grandes eventos puidéronse celebrar con normalidade, como o Armadiña Rock, os concertos de La Guardia e Carlos Baute ou o encontro de embarcacións tradicionais.