Os animais da protectora de Cambados conquistan os nenos de Paifillonai coas súas habilidades
Por Redacción
Membros da Protectora de Animais de Cambados achegáronse este martes a Portonovo para organizar unha actividade cos nenos participantes no programa de conciliación "Paifillonai", que a pasada semana organizaron un posto de venda de limoada para conseguir fondos para a Protectora. Os nenos fixeron entrega dos 215 euros conseguidos, que serán destinados ao mantemento das instalacións que a Protectora ten en Cambados.
Olga Costa, responsable de organización cambadesa, foi a encargada de dar en primeiro lugar unha charla aos escolares para explicarlles conceptos tan básicos como a forma axeitada de acariciar e saudar aos animais na rúa. Coas mans atrás, pedindo permiso á dona do can e achegándose ao animal de forma suave e cariñosa. Esas foron as pautas achegadas para evitar situacións de rexeitamento ou agresión por parte dos cans cando son abordados polos nenos na rúa.
Os cinco animais que a Protectora trasladou a Portonovo demostraron ter diferentes habilidades. Todos eles foron abandonados e coidado por persoal da entidade cambadesa, pero tamén todos participan en programas de terapia asistida, algúns deles na prisión da Lama, cos reclusos e outros en dous colexios de Vigo especializados con nenos con necesidades especiais.
Os escolares do Paifillonai xa estaban predispostos a recibir con cariño uns animais que padeceron maltrato, pero os cans gañaron a súa admiración en pouco tempo. E é que mentres Lía demostrou a súa capacidade para xogar aos birlos, Annie gañou os aplausos dos nenos ao responder con ladridos as operacións matemáticas que lle formulaba Olga Costa. Co mesmo método daba conta do número de letras que tiña calquera dos nomes que lle ían dicindo.
E pouco a pouco a complicidade entre os animais, ningún de raza, e os nenos foi crecendo, ata o punto de que todos eles se animaron a alimentar os cans sen ningún temor.
A concelleira de Benestar, Sandra Fernández Agraso, agradeceu á protectora o importante traballo que está a realizar para favorecer a integración e a supervivencia de animais abandonados.