As Festas de Verán botan o fecho cun balance de miles de asistentes e escasas incidencias
Por Natalia Puga
O sábado, terceira xornada de penas e un dos días grandes das Festas da Peregrina, deixou en Pontevedra tres persoas atendidas por intoxicación etílica. O balance, aínda que sempre é negativo, permite ao Concello realizar unha valoración positiva das Festas de Verán. O sábado foi un día no que na cidade houbo un "dato estimativo" de 90.000 persoas nas rúas da cidade e, se nun día de tanta afluencia de xente, tan só se rexistraron tres intoxicacións e escasas incidencias, significa que "a xente soubo ir de festa e divertirse".
A concelleira de Festas e voceira do Goberno local, Carme da Silva, realizou este luns un balance das festas e, en xeral, das Festas de Verán. Agora que xa practicamente non quedan actuacións pendentes da programación, asegura que estas últimas semanas se caracterizaron en Pontevedra pola presenza de miles de persoas na rúa e a ausencia de incidentes salientables.
Prazas e rúas cheas, restaurantes sen mesas baleiras e, en xeral, Pontevedra "abarrotada" foi unha imaxe repetida durante moitos días, a pesar de que a climatoloxía non acompañou durante a Semana Grande. Mesmo o mal tempo tivo unha escasa incidencia na programación, na que destacan os actos ao aire libre. Si foi necesario suspender a exhibición de bailes de salón prevista para o mércores 12 e que se retomará este martes día 18 de agosto.
Da Silva destacou o bo comportamento dos peñistas que durante as dúas últimas fins de semana encheron a cidade e mantiveron un comportamento case todos eles exemplar e lles agradeceu que, por exemplo, escoitasen as recomendacións de non congregarse na avenida de Santa María. Ademais, incidiu en que as toneladas de lixo recollidas durante ambas as dúas fins de semana non estaban no chan nin poden atribuírse só ás celebracións de peñas, senón, en xeral, ás Festas de Verán e a residuos depositados nos colectores.
Superados os días centrais de celebracións, esta semana empezarán a desmontarse tanto os escenarios instalados nas prazas de España e A Ferrería coma as atraciones e postos do ámbito da Alameda. O obxectivo é que esta semana todas as rúas volvan reabrirse e se inicien xa os traballos necesarios para adaptar a cidade ao próximo grande evento previsto: a Feira Franca, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro.
Relacionadas:
-
O recinto da Feira Franca, a exame
Por Redacción |
-
12 toneladas de lixo, tres intoxicacións etílicas e un ferido nunha pelexa, balance da terceira noite de peñas
Por Diego Espiño |
-
A interesante mestura de Sés e Os Cempés convence o público da Praza de España
Por Diego Torrado |
-
Luz Casal: "Pontevedra siempre está asociada a los buenos recuerdos"
Por Diego Torrado |
-
Milleiros de persoas seguiron o espectáculo pirotécnico das Corbaceiras
Por Diego Torrado |
-
Antes de que o inverno veña enriba... chega a Semana Grande das Festas da Peregrina
Por Redacción |