O PP de Cotobade reúnese cos afectados polas preferentes e eleva a Pleno as súas demandas
Por Redacción
O grupo municipal do PP en Cotobade levará ao próximo Pleno da Corporación unha moción urxente na que busca o respaldo do resto de grupos políticos para atender as demandas dos veciños do municipio afectados pola comercialización de participacións preferentes e subordinadas. O documento que pretende aprobar recolle as peticións que os afectados lle trasmitiron ao alcalde, Jorge Cubela, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro durante una reunión mantida hai xa uns meses.
Segundo informa Cubela, os afectados por estes productos financeiros superan o medio cento en Cotobade e aínda quedan veciños e familias do municipio ás que non se lle aceptou acudir á vía da arbitraxe para recuperar os seus cartos, de maneira que insta ás diferentes institucións "a que tomen todas as medidas necesarias para que se sigan resolvendo todas as reclamacións feitas".
A moción presentada para o seu debate plenario reclama instar ao Banco de España, ao Ministerio de Economía, á Comisión Europea e ao FROB e Novagalicia Banco "a que se continúen resolvendo, a través da Arbitraxe de Consumo, todas as reclamacións presentadas dos veciños de Cotobade en relación á comercialización de participacións preferentes e obrigas subordinadas por NCG Banco, ata a resolución definitiva de todas elas, en todos aqueles casos que cumpran con condicións similares ós xa resoltos, é dicir, todos aqueles casos cuxos perfiles foron tidos en conta ata o momento actual".
Pretende aprobar tamén que dende o Concello se inste ás mesmas institucións e organismos a que os afectados "non teñan que sufrir quitas, e de ter que soportar quitas, que sexa na menor contía posible e que os canxes poidan ser obxecto da súa realización líquida inmediata".
Segundo recolle esta moción tramitada pola vía de urxencia, o grupo municipal do PP "quere amosar a súa comprensión e solidariedade coas persoas afectadas do noso concello e o desexo de que recuperen canto antes os seus aforros, dos que son lexítimos propietarios".
Engade que a pesares dos acontecementos derivados do rescate ao sector financeiro español "consideramos que os posuidores de participacións preferentes e obrigas subordinadas non poden sufrir quitas respecto ao nominal dos seus títulos".