Baloncesto, skate e grafitis nas pistas deportivas de Campolongo nunha nova edición de Apadriña Jam
Por Alejandro Espiño
A mellor tradición do que deu en chamar 'cultura urbana' ten un novo punto de encontro na cidade de Pontevedra. As pistas deportivas de Campolongo acollerán este sábado a sexta edición de Apadriña Jam, un evento cultural e deportivo que integra skate, grafiti e baloncesto.
O Apadriña Jam xorde da iniciativa dun grupo de mozos pontevedreses afeccionados a todas estas disciplinas e que adoitan utilizar estas pistas deportivas como espazo de reunión onde compartir as súas afeccións. "Nos gusta porque é unha iniciativa xuvenil que xorde na rúa, non hai paternalismo pola nosa parte", explicou o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera. O Concello, dixo, só lle dá soporte técnico e difusión pública.
Segundo avanzaron na súa presentación os organizadores, Daniel Dios e Jorge García, despois de cinco anos organizando esta actividade "xa vai todo bastante rodado", pero nesta ocasión lograron o apoio de varios patrocinadores e axuda do Local de Música e do IMD, organismo que cede materiais, medallas e trofeos.
Tamén colabora o CEIP Campolongo, que presta as súas instalacións para gardar a loxística deste evento.
Dirixido a mozos a partir de doce anos, Apadriña Jam comezará o sábado ás dez da mañá e o seu amplo programa de actividades concluirá sobre as oito da tarde.
Haberá un campionato de skate pola mañá para menores de 16 anos e pola tarde para patinadores maiores desa idade; mentres que en canto ao torneo de baloncesto, pola mañá será a liguilla previa e pola tarde as finais. Ademais, haberá unha exhibición de grafiti durante todo o día.