Perfecto Rodríguez responde ás críticas do actual alcalde sobre a "chapuza preelectoral" de Taboadelo
Por Redacción
O ex alcalde de Ponte Caldelas respondeu ao rexedor socialista do municipio, Andrés Díaz, a raíz das críticas sobre as obras de ensanche no acceso principal a Taboadelo que o actual alcalde cualificou de "chapuza preelectoral" ao entender que presentaba graves deficiencias.
Perfecto Rodríguez, a través dun comunicado do Partido Popular, manifesta que visitou Taboadelo este martes 14 e comprobou que o problema se encontra nunhas pequenas fendas no firme de formigón da zona ensanchada como consecuencia que ao non estar suficientemente compactado o terreo cedeu uns centímetros provocando esas fendas "sen importancia que son doadamente subsandables polos operarios municipais". O voceiro do grupo municipal do PP indica que o muro de contención está en perfecto estado, que foi o traballo que se contratou á empresa de cantería.
Rodríguez alega que a obra tiña que realizarse con bo tempo e por ese motivo levouse a cabo en primavera. E engade que a obra do ensanche supón unha importante mellora no acceso a Taboadelo.
O ex alcalde finaliza o seu comunicado indicando que Andrés Díaz ten que dedicarse a xestionar o Concello "se é capaz de facelo" e critícalle que o novo alcalde se dedique a facerse fotos en todos os eventos de Ponte Caldelas, aínda que el non os organizase.
Relacionadas:
-
O PP asegura que o muro de Taboadelo está "en perfecto estado"
Por Redacción |
-
Indignación do goberno de Ponte Caldelas polos fallos dunha obra herdada de Perfecto Rodríguez
Por Redacción |
-
Finaliza o ensanche do acceso principal ao núcleo de Taboadelo
Por Redacción |
-
Melloran o acceso principal a Taboadelo
Por Redacción |