O alcalde de Ponte Caldelas pide á Xunta unha fórmula para evitar a instalación dun crematorio na Reigosa
Por Redacción
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, mantivo o seu primeiro encontro co novo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, durante a visita que realizou este luns 13 a este concello para coñecer as demandas e proxectos municipais para os próximos meses.
Andrés Díaz mostrou a súa preocupación polo avance na tramitación do PXOM, que o rexedor considera "esencial" para o municipio. Tamén trasladou ao delegado a necesidade de poñer en marcha unha posible modificación do plan sectorial para aplicar unha protección especial ao polígono empresarial. Díaz explicou que queren evitar que se instalen nesa área empresas contaminantes ou un crematorio e, nese sentido, reclama un Plan Sectorial de Protección para o Parque Empresarial para evitar que poidan instalarse a escasos metros de zonas habitadas como Baltar ou a propia A Reigosa.
O alcalde tamén indicou que outra das principais demandas se encontra na reactivación do proxecto da Cidade de Transporte, que nunca chegou a ter uso. Ao mesmo tempo, Díaz reclamou o desbroce das cunetas como medida de prevención ante os incendios forestais.
Pola súa banda, Cores Tourís tivo palabras de recordo para o anterior grupo de goberno e para o alcalde Perfecto Rodríguez por lograr que a Xunta puxese en marcha numerosos proxectos relativos a infraestruturas como a execución do saneamento da Reigosa, a creación da senda peonil de Forzáns ou a mellora das estradas PO-225 e PO-234. O delegado da Xunta sinalou que é necesaria a colaboración entre as distintas institucións en épocas de crise económica.
Relacionadas:
-
A Reigosa xa conta con crematorio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O concello de Ponte Caldelas levará a cabo inspeccións exhaustivas no crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
Indignación do goberno de Ponte Caldelas polos fallos dunha obra herdada de Perfecto Rodríguez
Por Redacción |
-
Perfecto Rodríguez reivindica a súa xestión no saneamento do barrio de Avecil, en Cuñas
Por Redacción |