Axilizan a constitución das comisións informativas e a adxudicación de doce contratos de provedores
Por Alejandro Espiño
Pouco a pouco, a maquinaria municipal vaise poñendo en marcha de cara a este novo mandato. Despois da toma de posesión como alcalde de Miguel Anxo Fernández Lores e da celebración do Pleno na que se aprobaron as cuestións de organización do traballo do goberno e da oposición, a partir deste martes iranse constituíndo as respectivas comisións informativas.
Neste sentido, o voceiro do goberno municipal, Raimundo González, reiterou a oferta do BNG para que a oposición presida "algunha ou algunhas" destas comisións. Será acordado, en todo caso, durante a súa composición.
Todas elas contarán con catro edís do BNG, dous do PP e un de PSdeG-PSOE, Marea Pontevedra e Ciudadanos. Cobrarán 105 euros cada un -125 para o que a presida- por cada unha das súas reunións, sempre e cando non teñan dedicación exclusiva.
Tanto BNG coma PP desvelaron xa os nomes dos edís que formarán parte destes órganos colexiados. Xunto a eles sentarase María Rey, a única concelleira de Ciudadanos, que estará presente en todas elas.
Así, na comisión de Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural estarán Carmen Fouces, Anxos Riveiro, Alberte Oubiña e Pilar Comesaña por parte do BNG; e Aurora Cañizares e María José Rodríguez polo PP; mentres que na de Réxime Interior, Participación, Persoal e Xurídica, os membros serán Vicente García Legísima, Raimundo González, Anabel Gulías e Alberte Oubiña polo BNG; e Rafael Domínguez e José Luis Martín polo PP.
Os representantes do BNG na comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos serán Carme da Silva, César Mosquera, Luis Bará e Demetrio Gómez Junquera; e os do PP, Jacobo Moreira e Aurora Cañizares. Os mesmos edís nacionalistas estarán na comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente, pero nos populares ademais de Jacobo Moreira sentarase José Luis Martín.
Por último, na comisión de Economía e Facenda estarán presentes Raimundo González, Anabel Gulías, Vicente García Legísima e Anxos Riveiro como representantes do BNG; e Rafael Domínguez e César Abal por parte do PP.
AXILIZARANSE DIVERSAS CONTRATACIÓNS
Ademais, Raimundo González avanzou que a Xunta de Goberno acordou axilizar os procedementos de contratación de todas aquelas cuestións relacionadas co mantemento ou o funcionamento ordinario do día a día. Trátase de doce contratos que, no seu conxunto, supón un gasto de preto dun millón de euros. A intención é adxudicalos durante os próximos tres meses.
Entre elas, inclúense a rede semafórica, pequenas obras de reparación en vías urbanas e rurais, a conservación da sinalización horizontal, a subministración de material de limpeza, informática e de oficina, o servizo de encadernación de libros, o mantemento dos ascensores ou a subministración de gasóleo para os vehículos municipais.
Relacionadas:
-
PP e PSdeG-PSOE presidirán finalmente dúas das seis comisións informativas do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Críticas da oposición ante a "opaca" oferta do BNG para presidir comisións informativas
Por Alejandro Espiño |
-
Ratifican no Pleno, grazas á abstención do PP, o reparto de retribucións municipais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Aumentan a asignación municipal aos partidos e as retribucións aos edís sen dedicación exclusiva
Por Alejandro Espiño |
-
Sen acordo na organización municipal, o BNG presentará unha 'contraoferta' antes do Pleno
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |