Sen acordo na organización municipal, o BNG presentará unha 'contraoferta' antes do Pleno
A pesar de que, uns e outros, aseguran que non lles gusta falar de diñeiro, o certo é que as cuestións económicas -dedicacións exclusivas e a asignación aos partidos- son as que están a impedir que os cinco grupos que haberá na próxima corporación poidan chegar a un acordo para consensuar a organización que terá o traballo municipal, tanto no goberno coma na oposición, durante os próximos catro anos.
Así se desprende ante as declaracións que realizaron os voceiros despois de manter un segundo encontro para regular todo este tipo de cuestións. Tras analizar a proposta que lles presentou o BNG este luns, cada un dos partidos achegou unha serie de suxestións que os nacionalistas se comprometeron a estudar. Con elas, o grupo de goberno elaborará unha 'contraoferta' que será o documento que se votará no Pleno deste xoves.
Pero a teor do dito por todas as partes, será difícil que se aprobe por unanimidade. Hai acordo en cuestións menores como que os plenos se celebren o terceiro luns de cada mes, ás 11.00 horas, así como na composición das comisións informativas -máis alá de que Marea pida unha repartición diferente de áreas e a creación dunha específica de Política Social- e a presenza dos grupos nos diferentes órganos colexiados.
A partir de aí, ruptura case total. Especialmente coa asignación económica a cada grupo. O BNG propón reducir a parte fixa a 2.500 euros ao mes e elevar a 260 euros o variable por cada concelleiro. Para o PSOE é algo "sangrante", porque prexudica aos partidos con menos representación e para Marea Pontevedra esta repartición "non é equitativa" e supón "recortar a democracia" porque a oposición para desenvolver o seu labor "ten que estar dotada de medios".
"O BNG está sendo pouco receptivo coas necesidades da oposición", insistiu Agustín Fernández, que cualificou como "inasumibles" algunhas destas propostas se a oposición quere facer o seu traballo "con dignidade". Neste sentido, esixe que a asignación fixa se manteña en 3.000 euros ao mes e que se lles permita contar a maiores cun auxiliar administrativo "ben para cada grupo ou compartido por varios".
Ademais, Luis Rei propón que o alcalde se reduza o soldo ata uns 45.000 euros anuais fronte aos 64.000 que cobraría, unha redución que afectaría tamén aos edís con dedicación exclusiva que deben situarse, segundo Marea, nuns 35.000 euros ao ano. Con respecto a isto, insisten en que o BNG conte só con seis dedicacións exclusivas -unha por cada área de xestión e outra para o alcalde-.
Se isto é así, dixo, aceptarían que o PP teña dous soldos e o PSOE un "aínda que nós quedemos sen ningunha". Pero tamén avisou que se o criterio é que os voceiros de cada grupo teñan unha dedicación exclusiva, "debe haber tamén unha para nós". Tampouco o PSOE non está conforme coa distribución porque "ten que haber certo equilibrio" entre o goberno e a oposición e non que "con doce concelleiros o BNG teña oito e a oposición con trece só tres".
Tampouco están conformes, segundo transcendeu, nin Marea nin PSOE co despacho, que o goberno municipal lles ofreceu a cada un deles -e a Ciudadanos- na cuarta planta do Teatro Principal porque, segundo Luis Rei, "non reúne ás condicións necesarias", entre elas, que non é accesible para as persoas con mobilidade reducida. Segundo Raimundo González, neste sentido, "se lles ofreceu o espazo que temos".
Vista a postura do goberno e da oposición "é difícil chegar a un acordo", recoñecen dende o BNG, pero aínda así Raimundo González avanzou que presentarán unha nova oferta este mércores "que intente recoller as propostas achegadas polos diferentes grupos".
O PP, O MENOS COMBATIVO
De todos eles, é o Partido Popular o que menos problemas está poñendo para poder chegar a un acordo. O seu voceiro, Jacobo Moreira, anunciou que o seu partido se absterá á hora de votar estes criterios de organización "porque le corresponde al gobierno decidirlo". Iso si, solicitou presidir algunha comisión informativa e lamentou que "estemos dedicando tanto tiempo a estas cuestiones cuando los problemas de los ciudadanos siguen estando ahí".
Relacionadas:
-
Axilizan a constitución das comisións informativas e a adxudicación de doce contratos de provedores
Por Alejandro Espiño |
-
Ratifican no Pleno, grazas á abstención do PP, o reparto de retribucións municipais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Aumentan a asignación municipal aos partidos e as retribucións aos edís sen dedicación exclusiva
Por Alejandro Espiño |
-
Propoñen once dedicacións exclusivas no Concello e dar entrada a todos os partidos nas comisións
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |