Aumentan a asignación municipal aos partidos e as retribucións aos edís sen dedicación exclusiva
Por Alejandro Espiño
Máis asignación para os partidos políticos e unha maior retribución para os concelleiros que non teñan dedicación exclusiva. Son os principais cambios na proposta de organización municipal que o BNG lle presentou ás outras catro formacións que estarán presentes na próxima corporación. Será debatida este xoves en Pleno, onde previsiblemente sairá adiante cos votos nacionalistas e a abstención do PP.
Segundo explicou Raimundo González, o goberno municipal mantén a proposta inicial presentada o pasado luns, pero aumentando a asignación fixa cada partido político que pasaría a ser de 2.750 euros ao mes e reducindo a variable ata os 250 euros por concelleiro. Así, os partidos cobrarán dende os 5.750 euros mensuais do BNG aos 3.000 que ingresará Ciudadanos para sufragar os gastos de funcionamento.
Tamén se elevan as retribucións que cobran todos os concelleiros -salvo os que teñan dedicación exclusiva- por asistencia aos órganos colexiados. Cada Pleno reportaralles 275 euros, mentres que cobrarán 125 por cada Xunta de Goberno, 105 por asistir a unha comisión (125 se se preside), e 75 euros por cada reunión dos organismos autónomos, Pazo da Cultura e Instituto Municipal de Deportes.
Non se cambiará nin o soldo de alcalde e concelleiros con dedicación exclusiva, como solicitaba Marea Pontevedra, porque segundo Raimundo González "xa son máis austeros que a práctica totalidade das capitais de provincia", nin tampouco se reducirán os once soldos que se repartirán -oito para o BNG, 2 para o PP e 1 para o PSdeG-PSOE-, que son tres menos dos que chegou a haber no pasado mandato.
Manteranse ademais as cinco comisións informativas que se propuxeran, pero cun lixeiro cambio nas súas competencias. Así, a de Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural integrará tamén educación, deportes, xuventude e normalización lingüística; e a de Réxime Interior, Persoal e Xurídica asumirá a área de participación cidadá. En todas elas haberá catro edís do BNG, dous do PP e un de PSOE, Marea e Ciudadanos.
Ao Pleno deste xoves non irán os nomeamentos dos novos directores xerais do Concello nin os postos para o persoal eventual. Neste último caso, non é necesario que pase por unha sesión plenaria, mentres que no outro haberá que redactar aínda un decreto específico. En todo caso, o BNG insiste en crear estes postos e cubrilos con funcionarios, que ás súas responsabilidades "sumarán funcións de coordinación e dirección".
Relacionadas:
-
Axilizan a constitución das comisións informativas e a adxudicación de doce contratos de provedores
Por Alejandro Espiño |
-
O PP de Pontevedra establece un "goberno na sombra"
Por Redacción |
-
Ratifican no Pleno, grazas á abstención do PP, o reparto de retribucións municipais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Sen acordo na organización municipal, o BNG presentará unha 'contraoferta' antes do Pleno
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Propoñen once dedicacións exclusivas no Concello e dar entrada a todos os partidos nas comisións
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Ciudadanos, primeiro partido que acepta a oferta do BNG para participar na Xunta de Goberno
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |