Xulgan o presidente da cooperativa San Miguel de Marín por unha fraude do IVE nas vendas de peixe
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O presidente da cooperativa San Miguel de Marín, José Luis Santiago Pereira, sentouse este martes no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra para render contas por tres delitos contra a Facenda Pública que tería cometido presuntamente defraudando o imposto do IVE das liquidacións da súa actividade de venda de peixe dos anos 2008, 2009 e 2010. El defendeu a súa inocencia e desvinculouse de calquera responsabilidade derivada da contabilidade da cooperativa.
O fiscal de Delitos Económicos, Augusto Santaló, mantén que a cooperativa mantiña unha dobre contabilidade que aparecía reflectida nun arquivador con facturas e liquidacións que a Axencia Tributaria localizou durante un rexistro na súa sede e na que se detecta que entre os anos 2008 e 2010 deixaron de pagar a Facenda 1.052.850,3 euros do imposto do IVE derivado das súas operacións de compra-venda do peixe dos armadores asociados.
Fronte a esta acusación, que unha perito de Facenda ratificou durante o xuízo este martes, o acusado xustificou as contas como legais e sinalou que en relación coa contabilidade a súa responsabilidade era "prácticamente ninguna". Segundo explicou, non sempre coinciden as cifras de peixe capturado polos barcos coa cantidade que se comercializa porque hai mercadoría que os armadores utilizan para autoconsumo, que ceden aos seus empregados, que deciden non subhastar ou que transforman en fariña, ademais doutro que se envía a outras lonxas.
No proceso de descarga do peixe á súa chegada ao porto "hay cantidad de incidencias" e o proceso de poxa "es complicado". Baseándose nesas indicacións e en que a cooperativa se limita a facturar as actividades dos armadores, sen tomar decisións, xustificou que apareza un desfase na facturación. Segundo explicou, todo o proceso que se segue á hora de rexistrar as actividades de compra e venda de peixe se detallou "por activa y por pasiva" á Axencia Tributaria.
O fiscal pide que o acusado sexa condenado a seis anos de prisión -dous por cada delito- e o pagamento dunha multa de 1,8 millóns de euros -600.000 euros por cada un- e que perda a posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito a gozar dos beneficios ou incentivos fiscais ou da seguridade social por catro anos. Ademais, pide que a cooperativa sexa condenada por un delito contra a facenda pública polas liquidacións de 2010 e se lle impoñan as penas dun millón de euros multa, inhabilitación para obter subvencións e axudas públicas, para contratar co sector público e para gozar de beneficios e incentivos fiscais ou da seguridade social por un período de dous anos.
En concepto de responsabilidade civil, o fiscal pide que o acusado indemnice á Facenda Pública - personado na causa a través do Avogado do Estado- con 681.230, 72 euros polas cotas de IVE dos anos 2009 e 2010 e que o procesado e a cooperativa aboen unha indemnización de 372.619,67 euros pola cota do exercicio 2010, cantidades ás que habería que sumar os intereses dende a data na que se cometeron os delitos.