19 empresas presentan ofertas para a construción da Variante de Rebón, en Moraña
Por Redacción
Un total de 19 empresas presentaron as súas ofertas para participar no concurso convocado pola Deputación de Pontevedra para contratar e adxudicar as obras de construcción da Variante de Rebón, na EP 0503 no Concello de Moraña, por un importe de 1.027.000 euros.
A adxudicación dos traballos está pendente tan só dun informe técnico coas valoracións das ofertas polo que previsiblemente a súa adxudicación sexa inmediata, antes de rematar o mes.
O orzamento de licitación dos traballos ascende a 827.841,12 euros, aos que hai que sumar o importe das expropiacións, dado que se trata dun trazado completamente novo, que afecta a 68 parcelas, entre elas varias parras e peches de fincas.
A construcción da Variante de Rebón permitirá mellorar a seguridade vial nunha estrada que dá acceso ao Santuario dos Miragres de Amil e posibilitará, ao tempo, preservar a capela e o Pazo de San Roque, dous edificios catalogados por Patrimonio que están nas proximidades desta estrada provincial, o que, unido a presenza de numerosas vivendas a carón da vía, facía imposible anchear a estrada co trazado actual.
9 METROS DE ANCHO E UN VIADUTO
Esta estrada ten unha notable intensidade de tráfico e presenta un trazado moi sinuoso e estreito, sen marxes nin beiravías para o tránsito peonil en boa parte do actual trazado. A modificación do trazado que se acometerá non só permitirá eliminar curvas e anchear a calzada senón que tamén crearán beiravías que permitan o paso dos veciños e veciñas e melloren a seguridade viaria.
O resultado final será unha estrada de 9 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros cada un e beiravías pavimentadas de un metro en ambas as dúas marxes. O novo trazado pasa sobre a canle dun regato, que se salvará coa construción dun viaduto de 15 metros de luz.