Resolven contratos para obras en Moraña e Vilanova por "ilegalidades" do goberno de Louzán
Por Redacción
Dúas obras en estradas provinciais, a EP-503 en Rebón (Moraña) e a EP-9701 en Pazo Baión (Vilanova de Arousa), contaban con proxectos de reforma "claramente ilegais", segundo o actual goberno provincial. As dúas actuacións, herdadas do executivo anterior, carecían de informes preceptivos ou estes eran "insalvables", supoñían "afeccións gravísimas ao patrimonio" e a súa necesidade non estaba xustificada tecnicamente.
Son palabras do deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, que explicou que a Deputación acordou resolver os dous contratos das obras e realizará novos proxectos, seguindo os criterios aprobados en materia de mobilidade sostible.
Benítez foi contundente ao asegurar que o novo goberno da Deputación "non vai consentir obras que non se axusten á legalidade", polo que os proxectos de Baión e Rebón non se van executar tal e como estaban previsto.
"Queremos mirar para adiante e ofrecer alternativas viables e legais", dixo Benítez, quen subliñou a necesidade de acometer proxectos consensuados e de mellora que sigan criterios de mobilidade sostible poñendo como primeiros usuarios das vías ás persoas e garantan a seguridade viaria como eixos fundamentais. De feito, actuarase en consecuencia co novo decálogo de criterios de actuacións para as vías provinciais.
Benítez explicou que no caso de Moraña a Deputación xa contratou un estudo técnico para ver as posibilidades de actuación, que foron presentadas nunha reunión coa alcaldesa, coa que se quere chegar a consenso. Esta, inicialmente, demostrou entender a situación e estar interesada en realizar melloras que faciliten o tránsito aos veciños. De feito, a rexedora e o deputado acordaron unha visita á zona nos vindeiros días.
A relación de entendemento non é así, segundo o deputado do BNG, co alcalde de Vilanova.
A pesar desta situación "belixerante", Benítez tamén indicou que se contratará unha asistencia técnica para ver as posibilidades de actuación. Segundo asegurou o deputado, "nos meses que levo traballando aquí nin recibín unha chamada súa, nin unha solicitude de entrevista para buscar solucións… Non sei se o alcalde está preocupado, porque o único que vexo son críticas a través dos medios de comunicación e ningún interese por facer cousas en positivo".
Ambas rescisións de contrato serán pola vía amigable e non suporán custo para as arcas provinciais.
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Moraña pide que se retome o proxecto de reforma de Louzán para a estrada de Rebón
Por Redacción |
-
Novo proxecto de reforma integral da estrada de Rebón en Moraña
Por Oskar Viéitez |
-
19 empresas presentan ofertas para a construción da Variante de Rebón, en Moraña
Por Redacción |
-
Licitan as obras da variante de Rebón (Moraña), na que se investirá máis dun millón de euros
Por Redacción |