Pontevedra defende na rúa unha sanidade "pública e de calidade" fronte a recortes e privatizacións
Baixo o lema 'Os recortes matan. NON ao negocio coa saúde', Pontevedra volveu saír á rúa de forma masiva para denunciar a precarización da sanidade pública en Galicia. Miles de persoas avalaron a manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública polas rúas da cidade. Todos eles corearon consignas en contra dos recortes e da privatización que, aseguran, está a sufrir o sistema sanitario galego.
A marcha, que partiu do Hospital Provincial e finalizou na Praza da Peregrina, foi avalada por numerosos colectivos do ámbito sanitario, pero tamén por asociacións de veciños, entidades culturais, sindicatos ou partidos políticos. Á cabeza da manifestación, ademais dos seus organizadores, encontrábanse entre outros Miguel Anxo Fernández Lores, o voceiro do PSdeG-PSOE, Antón Louro, ou Luis Rei, candidato de Marea Pontevedra.
Dende SOS Sanidade Pública, a través do comunicado que se leu ao remate da manifestación, reiteraron que a sanidade debe ser "universal, gratuíta e de calidade" e non un privilexio para quen o poida custear "a través dos repagamentos ou acudindo á sanidade privada". Denuncian ademais que, nos últimos anos, a Xunta de Galicia "impulsou todo tipo de medidas que afondan no desmantelamento da sanidade pública".
Neste sentido, recordan que o presuposto destinado á sanidade en Galicia decreceu un 12,3% nos últimos cinco anos -450 millóns menos-, elimináronse máis de 2.000 postos de traballo no sector sanitario, pecháronse 275 camas hospitalarias e as listas de espera experimentaron un "incremento substancial", especialmente en materia cirúrxica.
Ademais, lamentaron que os recortes que se están a producir nas diferentes áreas sanitarias provoca a "exclusión" do sistema de numerosos colectivos, así como os máis de 500 medicamentos que debe pagar a cidadanía ou o desvío de pacientes á sanidade privada. Todo iso provoca, sinalaron, "que se incremente o sufrimento das persoas que non teñen recursos, ao crear un imposto sobre a enfermidade".
Por iso, os manifestantes reiteraron que "non imos consentir que fagan negocio coa nosa saúde" e que o goberno galego siga privatizando a sanidade "converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor ofertante".