O Concello busca implicar os pais para que fagan de "vixiantes voluntarios" dos camiños escolares
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Máis monitores para axudar a cruzar algúns pasos de peóns ou situar os colectores para que non molesten e deixen ver aos nenos, foron algunhas das reclamacións máis repetidas por parte dos rapaces que forman parte do Consello Municipal dos Nenos que se reuniu este martes.
Alumnos dos colexios Marcos da Portela, Doroteas, Campolongo, Barcelos, Froebel, Álvarez Limeses e Vidal Portela, compoñen este órgano constituído para realizar as propostas que consideren oportunas para mellorar os camiños escolares.
Na súa segunda sesión de traballo os nenos do Consello insistiron na necesidade de contar con máis vixiantes nos pasos de peóns e ampliar os seus horarios para que tamén se cubran o Plan Madruga, os comedores escolares e as actividades extraescolares. Os nenos queren que o plan se estenda tamén ao concello de Poio para axudar aos nenos que viven máis alá da ponte da Barca.
Ademais criticaron que algúns condutores, para colmo moitos deles pais, non respectan as zonas de aparcadoiro. E comentaron a posibilidade de implicar máis comercios para que se adhiran a esta iniciativa.
A reunión do Consello celebrouse na Casa das Campás e estivo presidida, polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores xunto á concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle e o axente responsable de educación vial, Antonio Duarte.
Fernández Lores recordou que "os nenos cando están na rúa fan que a cidade sexa máis segura", esta é unha máxima que recolle a razón de ser do Consello Municipal dos Nenos. Ir cos amigos ao colexio, pero tamén xogar na rúa ou saír sós a facer recados teñen que volver ser prácticas habituais, como o foron nos anos 70.
"ÿ unha auténtica gozada traballar cos rapaces", valorou Macenlle, "teñen un punto de vista diferente e moi razoable, son os verdadeiros protagonistas deste proxecto e hai que telos en conta. Isto non é un brinde ao sol".
VIXIANTES VOLUNTARIOS
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, adiantou que o Concello intentará trasladar ao resto da cidade o modelo implantado en Monte Porreiro. A comunidade educativa do colexio Marcos da Portela e a asociación de veciños do propio barrio son os que puxeron en marcha catro rutas para chegar ao centro escolar que vixían os pais e os profesores.
Esta mesma implicación que existe en Monte Porreiro espera encontrar a concelleira no centro urbano "se os pais xa están a facer o esforzo diario de levar os nenos ao colexio e recollelos, que ese esforzo redunde en beneficio de toda a sociedade e que vaian menos veces ao centro pero que cando vaian axuden a todos os nenos".
Relacionadas:
-
Monte Porreiro acompáñate ao cole: os Camiños Escolares de Pontevedra amplíanse ao barrio
Por Alejandro Espiño |
-
Aos colexios de Monte Porreiro a pé e aos institutos en bici, próximas novidades dos Camiños Escolares
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello quere escoitar a opinión dos nenos sobre o funcionamento dos Camiños escolares
Por Redacción |