Monte Porreiro acompáñate ao cole: os Camiños Escolares de Pontevedra amplíanse ao barrio
Por Alejandro Espiño
Como o Camiño Escolar que se poñerá en marcha en Monte Porreiro "non hai ningún en todo o Estado", segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva. A implicación do barrio nesta iniciativa é total. Participarán nela toda a comunidade educativa do colexio de Monte Porreiro, especialmente a propia ANPA, pero tamén a asociación de veciños e os comerciantes, que queren "recuperar o barrio para os nenos".
Este "ambicioso" proxecto comezou a xerarse o curso pasado a petición da ANPA do colexio. Non será un camiño escolar "ao uso", explicou Carme da Silva. Terá a "potencialidade" de que todo o barrio se implicará nesta iniciativa e que será un percorrido "híbrido" nalgúns momentos, xa que haberá puntos de encontro para aqueles alumnos cuxos pais os acheguen ao barrio en coche ao vivir fóra del.
O Camiño Escolar de Monte Porreiro contará con catro rutas: unha conducirá os nenos dende as rúas Bélxica, Luxemburgo e Alemaña ata a rúa Grecia e o colexio e outra partirá dende a rúa Portugal. Ademais, outra das rutas parte da zona dos Campos e chega ao colexio a través da rúa Francia e a última comeza na nova ponte entre Monte Porreiro e Lérez e sobe cara ao centro escolar, situado nas proximidades.
Durante todo este percorrido, os nenos estarán asistidos por un grupo de dez voluntarios -entre pais, veciños e comerciantes-. Todos eles estarán asegurados como membros do Plan de Voluntario municipal e haberá suplentes, de forma que se algún deles non pode participar algún día sexa substituída por outra persoa e non haxa ningún cruzamento ou zona de perigo no barrio onde os menores non conten coa asistencia dun adulto.
Todos estes percorridos estarán debidamente sinalizados con indicativos nos farois "para que os nenos sepan sempre que van polo bo camiño". Ademais, solicitouse a colaboración de comerciantes e propietarios dos garaxes do barrio para que esta información estea tamén dispoñible nos seus respectivos ámbitos e, especialmente, en canto aos aparcadoiros "sexan conscientes de que teñen que extremar a seguridade".
O intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, afirmou que a maior dificultade á hora de deseñar estas rutas, consensuadas cos participantes neste proxecto, foi analizar "de onde viñan os nenos" e cal era o percorrido que utilizaban para chegar ata o colexio. A partir de aí deseñouse cales serían as rutas máis seguras para que eles puidesen ir sós a clase, en función do tráfico, os cruzamentos máis perigosos e os elementos de calmado da circulación.
O COLEXIO, "ENCANTADO" COA INICIATIVA
Pola súa banda, a directora do colexio, Pilar Lores, afirmou que o claustro de profesores está "encantado" con este proxecto e aseguran que se trata dunha medida educativa "importante" para os 331 alumnos que cursan os seus estudos nel. Un 30 por cento deles participarán neste Camiño Escolar dende este mesmo luns, segundo as previsións que manexan dende o centro.
Esta iniciativa permitirá aos nenos, dixo, "poñer en práctica ou que traballamos nas aulas" e, sobre todo, "axudarse, ser solidarios cos demais nas rúas e socializarse, o que aumentará a súa aprendizaxe e a autonomía,". Ademais, Pilar Lores sinalou que tamén se esperan beneficios no aspecto educativo, xa que cren que mellorará a puntualidade dos nenos e que, ao vir acompañados por amigos, "chegarán máis despertos e aumentará a súa atención nas clases".
Carme da Silva augurou, ao remate desta rolda de prensa, que este proxecto bautizado como 'Monte Porreiro acompáñate ao cole', contará cun "alto nivel de premios" e será un exemplo para outros barrios da cidade e doutros municipios.
Relacionadas:
-
Escolares sós, pero en compañía
Por Redacción |
-
O Concello busca implicar os pais para que fagan de "vixiantes voluntarios" dos camiños escolares
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As 'cidades que camiñan' centran a súa mirada en Pontevedra durante os dous próximos días
Por Alejandro Espiño |
-
Os membros de Intermodes, sobre Pontevedra: "ÿ fantástica, o seu modelo é único en Europa"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Aos colexios de Monte Porreiro a pé e aos institutos en bici, próximas novidades dos Camiños Escolares
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |