O TSXG concede aos comuneiros de San Salvador os terreos de 300 vivendas da Caeira
Por Natalia Puga
Os terreos nos que se asentan 300 vivendas das urbanizacións de Boavista e A Caeira e a parcela que ocupa o colexio Sek Atlántico pasan a ser titularidade da Comunidade de Montes en Man Común de San Salvador de Poio. ÿ a consecuencia directa dunha sentenza ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que os veciños afectados analizarán nunha reunión este mércores 11 de marzo.
A sentenza do TSXG estima parcialmente un recurso contencioso-administrativo interposto polos comuneiros de San Salvador Poio en relación coa orde autonómica do ano 2009 pola que se aprobou o deslinde dos montes veciñais en man común da parroquia. O fallo xudicial considera que esa orde de 25 de marzo de 2009 "non é conforme a dereito" e a anula.
A orde agora anulada, que emitiu a Consellería de Medio Rural o 25 de marzo de 2009, creaba dúas parcelas de 26,21 e 0,27 hectáreas diferenciadas nos límites territoriais de San Salvador de Poio, pero os comuneiros sempre sostiveron que debería terse en conta unha clasificación previa que fixaba a existencia nese punto do territorio dunha única parcela de 62 hectáreas das que é titular a comunidade de montes. Polo menos tres sentenza ditada spor o TSXG no mesmo día -o 5 de febreiro- fallan en torno a esta anulación.
Os afectados estudan pedir o ingreso como comuneiros para tomar parte nas decisións da comunidade
No caso da sentenza que afecta a Boavista e A Caeira, os propietarios conclúen que a sentenza significa que "todas as nosas vivendas están no monte da comunidade" e que, na práctica, implica que os comuneiros "teñen dereitos sobre o chan onde se sitúa a nosa vivenda".
Para os donos afectados, resulta "dificilmente comprensible" que os que teñen unha vivenda dende hai anos e compraron as súas parcelas pagando un alto prezo non sexan donos destas, pero asumen que non teñen o pleno dominio dos seus soares e este mércores abordarán a situación na que lles deixa a sentenza do TSXG a partir das 20.00 horas no Club de Tenis da urbanización.
A reunión partirá da base de que os propietarios teñen dúas opcións para reaccionar ante o fallo. A primeira é presentar un preito individual por cada unha das vivendas afectadas. A segunda pasa por integrarse en ao comunidade de montes, pois "se estamos dentro do monte, somos comuneiros e, polo tanto, podemos tomar parte nas decisións da comunidade".
Ao respecto, indican que o obxectivo da reunión é reunir a un mínimo de 90 familias para solicitar o ingreso como comuneiros e, desta forma, ser maioría dentro da comunidade de montes. "Unha vez que entremos nela dificilmente tomariamos a decisión de ir contra as nosas propias vivendas", xustifican.
A sentenza do TSXG restitúe a anterior resolución sobre os deslindes de San Salvador, que se remonta ao ano 1981. Os montes de San Salvador de Poio foron declarados veciñais en man común a favor dos veciños desta parroquia por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común con data 19 de novembro de 1981 cunha superficie de 62 hectáreas que limita ao norte cos montes de San Xoán de Poio, ao leste co termo municipal de Pontevedra e ao sur e o oeste con terreos particulares.
Relacionadas:
-
Novo pau xudicial contra os comuneiros de San Salvador que pretenden situar uns 300 inmobles da Caeira en monte comunal
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños da Caeira enfrontaránse á comunidade de Montes dende fóra e dende dentro
Por Oskar Viéitez |
-
TSXG dá a razón aos comuneiros de San Salvador de Poio e anula un deslinde de 2009
Por Redacción |