Novo pau xudicial contra os comuneiros de San Salvador que pretenden situar uns 300 inmobles da Caeira en monte comunal
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pronunciou unha sentenza na que desestima o recurso interposto pola comunidade de montes veciñais en man común de San Salvador de Poio, na súa pretensión de situar a uns 300 inmobles da Caeira e Boa Vista en monte comunal.
Entre outros moitos afectados, neste recurso é parte demandada a Xunta, os concellos de Poio e Pontevedra, o colexio SEK Atlántico, o Club de Tenis, numerosas empresas como Costaverde, Oreco ou Hispamex, así como multitude de veciños residentes nos terreos afectados da Caeira e Boa Vista.
Os comuneiros recorrían contra a desestimación presunta do recurso de reposición interposto contra a orde do 25 de marzo de 2009 adoptada pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia por medio da cal se aprobou o deslinde dos montes veciñais pertencentes á comunidade demandante.
Aquela orde da Xunta creaba dúas parcelas diferenciadas de 26,21 e 0,27 hectáreas nos límites territoriais de San Salvador de Poio.
Os comuneiros sempre sostiveron que existe unha clasificación previa do xurado provincial de clasificación de montes no ano 1981 que fixaba a existencia nese punto do territorio dunha única parcela cunha superficie de 62 hectáreas que limita ao norte cos montes de San Xoán de Poio, ao leste co termo municipal de Pontevedra e ao sur e o oeste con leiras particulares.
Nun principio o TSXG admitiu a tese dos comuneiros pero máis tarde cambiou de criterio tras ser desautorizada esta interpretación por outra sentenza do Tribunal Supremo.
Nesta sentenza do TSXG os maxistrados xustifican o seu cambio de criterio argumentando que "entendemos que a administración ha de velar polo respecto ao interese xeral e non só dunha das partes, aínda que a “prevalencia” do seu título veña determinada por unha previa declaración por un órgano como o Xurado Provincial de Montes, xa que as esixencias de eficacia, transparencia e bo goberno non poden determinar que as declaracións deste arrumben os intereses dos afectados que, en moitos casos, confiaron na información que os rexistros públicos ofrecían".
Contra esta sentenza poderá interpoñerse recurso de casación.