TSXG dá a razón aos comuneiros de San Salvador de Poio e anula un deslinde de 2009
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a razón aos comuneiros de San Salvador de Poio e ditou unha sentenza na que anula a orde autonómica do ano 2009 pola que se aprobou o deslinde dos montes veciñais en man común da parroquia.
A Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG estima o recurso interposto pola comunidade de montes que antes presidía Carmen Esperón e declara que a orde en cuestión "non é conforme a dereito".
A orde agora anulada, que emitiu a Consellería de Medio Rural o 25 de marzo de 2009, creaba dúas parcelas de 26,21 e 0,27 hectáreas diferenciadas nos límites territoriais de San Salvador de Poio, pero os comuneiros sempre sostiveron que debería terse en centa unha clasificación previa que fixaba a existencia nese punto do territorio dunha única parcela de 62 hectáreas das que é titular a comunidade de montes.
A sentenza do TSXG entra en debates especializados sobre a confusión entre monte deslindado e monte clasificado e acaba estimando parcialmente o recurso presentado polos comuneiros coa desconformidade de varios propietarios particulares e empresas afectados polo citado deslinde.
Ao anular esa orde, se restrituye a anterior resolución sobre os deslindes de San Salvador, que se remonta ao ano 1981. Os montes de San Salvador de Poio foron declarados veciñais en man común a favor dos veciños desta parroquia por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común con data 19 de novembro de 1981 cunha superficie de 62 hectáreas que limita ao norte cos montes de San Xoán de Poio, ao leste co termo municipal de Pontevedra e ao sur e o oeste con terreos particulares.
Esta sentenza, datada o 5 de febreiro, sae á luz nun momento en que están en discusión tamén os lindes entre os termos municipais de Pontevedra e Poio. O conflito intentou resolverse nun encontro con mediación da Xunta este mes de febreiro, pero pechouse sen alcanzar entendemento.
Relacionadas:
-
Os veciños da Caeira enfrontaránse á comunidade de Montes dende fóra e dende dentro
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG concede aos comuneiros de San Salvador os terreos de 300 vivendas da Caeira
Por Natalia Puga |
-
A reunión polos lindes entre Pontevedra e Poio crea enfrontamentos con Barro e Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra e Poio negociarán o xoves os seus lindes, sen apenas posibilidades de chegar a acordo
Por Alejandro Espiño |
-
Pendentes dun informe técnico para pechar os deslindes co Concello de Poio
Por Redacción |