Protección Civil de Caldas incrementa os seus servizos en medio millar nun ano
Por Redacción
A agrupación de Protección Civil de Caldas de Reis segue unha tendencia á alza na súa actividade que no ano 2014 se materializou nun total de 804 intervencións de distinta natureza. A cifra supón que ao longo do ano os voluntarios realizaron 511 actuacións máis que as 293 contabilizadas no ano 2013.
Este crecemento na actividade dos voluntarios corrobórana os datos da Axencia Galega de Emerxencias que acaban de presentar o xefe e o presidente da agrupación, José Sieiro e Juan Manuel Rey (alcalde de Caldas). Segundo indicaron, o segundo semestre do ano foi o máis prolífico, con 485 intervencións entre xullo e decembro fronte ás 319 dos seis primeiros meses do ano.
Os accidentes de tráfico e os operativos preventivos en actividades de índole festivo, deportivo ou de formación acaparan a maior porcentaxe de intervencións e tamén o maior incremento con respecto a un ano antes. No caso dos accidentes de circulación, pasaron de atender 84 no ano 2013 a 126 en 2014, pero o crecemento foi especialmente rechamante no relativo ao outro tipo de intervencións. En eventos deportivos, festas, concertos ou formación interna e externa interviñeron en 2013 en 82 e en 2014 deron un salto en 427.
O equipo integrado por 27 voluntarios de Protección Civil interveu, ademais, ao longo do ano pasado en 99 servizos relacionados cos animais, entre os que o máis 'curioso' foi a localización dunha tartaruga. En 2012 rexistraran 48 actuacións desta índole e en 2013, 57.
Fronte a esta tendencia global ao crecemento das intervencións, houbo un apartado cun descenso de actividade, os incendios, tanto urbanos coma forestais. Pasaron de 24 en 2013 a 18 en 2014.
A actividade anual completouse coa súa colaboración en operativos de carácter sanitario (11), en verteduras (4) ou en actividades como o deseño e postas en marcha do Plan de Emerxencia Exterior de Foresa, resultando un ano especialmente activo no relativo á formación e a implantación das redes sociais e de dispositivos telefónicos para, por exemplo, a geolocalización dos distintos operativos.
Este 2015 actualizaranse os datos relativos a Caldas no Catálogo de Medios e Recursos de Protección Civil
En relación coa formación, prevese que ao longo deste ano 2015 se implementar actividades como #alertcaldas, un programa destinado a establecer unha rede de bos alertantes dende a idade escolar que se prevé que chegue a todas as escolas unitarias do municipio. Ademais, ao longo destes meses prevén actualizar os datos relativos a Caldas no Catálogo de Medios e Recursos de Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias.
Este incremento da actividade é posible, segundo José Sieiro, grazas á renovación e ampliación que experimentou a agrupación, cun grupo de xente nova incorporada nos últimos tempos ata alcanzar os 27 membros. Para poder continuar crecendo, confían en que durante o ano 2015 se siga por esta senda de incorporar novos voluntarios e de aumentar a formación, tanto interna coma externa.
Para poder facelo posible, necesitan novos recursos e teñen a esperanza posto en que, coa mediación do Concello, ao longo dos próximos meses poida incorporarse ao parque móbil da agrupación un novo vehículo todoterreo con cargo á última liña de axudas recén convocada pola Xunta de Galicia.