#alertcaldas ou como formar bos alertantes desde a primeira infancia
Por Redacción
Establecer unha rede de bos alertantes é un dos pasos máis importantes na xestión de urxencias e nesa vía traballan desde a agrupación de Protección Civil de Caldas de Reis. A través do programa #alertcaldas organizan todo tipo de accións, moitas delas a través das redes sociais, e esta semana tocou a quenda de traballar cos máis pequenos do municipio.
A formación sobre protección civil e xestión de urxencias chegou aos alumnos de todas as escolas unitarias de Caldas o venres nunha xornada no centro escolar da parroquia de Saiar na que participaron voluntarios de Protección Civil e o camión dedicado á educación vial da Dirección Xeral de Tráfico (DGT).
Os nenos interactuaron cos voluntarios e coñeceron a través de demostracións prácticas e unha serie de videos conceptos como para que serven as urxencias ou como actuar en caso dunha situación de urxencias.
Saber chamar ao 112 e dar indicacións precisas e completas é un paso crave para xestionar de forma eficaz unha urxencia e os alumnos caldenses acabaron a xornada preparados para poder facelo e reaccionar de forma correcta se os pais, avós ou calquera outra persoa na rúa vive unha situación de urxencia.
Un achegamento á Reanimación Cardiopulmonar (RCP) básica completou o programa desta actividade de #alertcaldas, que foi a continuación da xa realizada no mes de xuño na escola unitaria de Carracedo e realizouse, precisamente, a instancias do director daquel centro educativo.