Protección Civil de Caldas, na senda do voluntariado 2.0
Por Redacción
O primeiro semestre de 2014 pechouse para Protección Civil de Caldas de Reis cun incremento importante da súa actividade. Non só realizou 125 servizos máis que no mesmo período de 2013 (pasou de 207 a 332 nun ano), senón que, ademais, realizou un maior esforzo comunicativo que lle sitúa na senda das emerxencias 2.0 e mellora a información que reciben os veciños da localidade.
Segundo informou o xefe da agrupación, José Sieiro, este semestre incrementaron o seu material loxístico para a atención das chamadas de emerxencia e potenciaron a súa actividade na rede social Twitter a través da conta @Pc_CaldasdeReis. A través deste medio emiten #Consejos112 e aproveitaron o seu potencial comunicativo para recibir axuda extra en determinados operativos como a busca dun sacerdote desaparecido en xullo, no que se utilizou o hastag #BusquedaCaldas.
Neste camiño cara ao voluntariado 2.0, puxeron en marcha proxectos como #HeliCaldas, que pretende xerar unha base de datos geolocalizada de todas as posibles helisuperficies existentes no termo municipal para o seu uso en situacións de emerxencia. Ademais, potencian o hastag #AlertCaldas co obxectivo de establecer unha rede de bos acertantes. Para iso, organizáronse charlas nos colexios ou asociacións e Jose Sieiro non descarta que se poidan iniciar outros proxectos. Será, de todos os xeitos, con calma, "...paso a paso", pois hai que atender a prioridades e non hai nada descartado".
O xefe da agrupación destaca o espírito de equipo e o labor "familiar, solidario e impagable" de todos os voluntarios como clave para poder alcanzar os obxectivos marcados. Froito deste esforzo, no primeiro semestre interviñeron en 60 accidentes de circulación, 61 intervencións diversas e 163 operativos de Protección Civil e realizaron colaboracións co Concello de Caldas e as asociacións de veciños.
Este balance da agrupación que dirixen José Sieiro e Enrique Cespón (subxefe) supón un incremento de actividade do 118% dende o ano 2012 e un 60% nun ano e establecer redes de colaboración con outras agrupacións como Santiago de Compostela, Porto do Son, Serra de Outes ou Padrón.
Ademais, estase a aumentar a actividade formativa de todos os voluntarios e foméntanse os adestramentos grupais, como aconteceu o pasado 21 de xuño, cando, en colaboración co campo de paintball 'Campo do Lobo' realizaron un adestramento conxunto coas agrupacións de Porto do Son, Cuntis e Portas e un simulacro de busca nocturna de persoas desaparecidas.
O esforzo dos voluntarios suple a falta de medios, pero José Sieiro recoñece que "sería de grande axuda" poder contar cun vehículo novo para realizar o seu traballo diario. Na actualidade, a agrupación mantén en servizo dous vehículos cos que dá cobertura a "todo o que está na nosa man", pero "todas as axudas son ben recibidas".
Relacionadas:
-
Protección Civil de Caldas reforza o seu servizo cunha unidade de drons
Por Redacción |
-
Bicicletas para mellorar a atención ao camiño xacobeo en Caldas
Por Redacción |
-
Protección Civil de Caldas incrementa os seus servizos en medio millar nun ano
Por Redacción |
-
#alertcaldas ou como formar bos alertantes desde a primeira infancia
Por Redacción |
-
Escapoulle unha tartaruga?
Por Redacción |
-
Operativo de busca para localizar un cura dos Pais Somascos desaparecido en Caldas
Por Natalia Puga |
-
Peitean 25 quilómetros do río Umia para buscar o home desaparecido do asilo de Caldas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |