Oito empresarios pontevedreses conflúen nunha plataforma para "reactivar a economía local"
Por Redacción
O próximo luns 9 de xaneiro será a posta de longo dunha nova iniciativa empresarial que se marcou como obxectivo dar unha volta de rosca á situación actual da economía local. Trátase da Plataforma de apoio á industria na comarca de Pontevedra, na que están integrados oito empresarios pontevedreses.
Un dos seus impulsores, Agustín Nogueira, do Grupo Nogar, indicou que o grupo de empresarios unidos baixo o paraugas desta nova plataforma ten o denominador común de que están "preocupados pola situación que sofre o tecido industrial na comarca de Pontevedra". A lista completa dos integrantes deste grupo aínda non se deu a coñecer.
Esta plataforma creouse, entre outros obxectivos, "co fin de intentar reactivar a economía local" e, para iso, defenden a permanencia de proxectos industriais e empresarias actuais como a pasteira ENCE ou as empresas asentadas en terreos da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. Pero tamén pretenden apoiar outras iniciativas económicas que garantan o desenvolvemento industrial da comarca e permitan incrementar as posibilidades de creación de emprego.
Esta liña de traballo coincide coas demandas xa formuladas nas últimas semanas polas asociacións AEMPE (Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa e AJE (Asociación de Mozos Empresarios). Os seus presidentes, José María Corujo e Lucía Pedroso, pediron ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que "actúe de comercial" e capte investimento industrial para o municipio, pois "está muy bien que se potencie el comercio y el sector servicios, pero necesitamos industria pesada, que es la que genera realmente empleo".
A plataforma elaborou un comunicado fundacional co seu ADN e proxectos para Pontevedra e presentarao de forma oficial o próximo luns. Para dar a coñecer os detalles da súa iniciativa, elixiron un encontro cos medios de comunicación que se celebrará no Hotel Galicia Palace.
Relacionadas:
-
Jacobo Moreira desvelará en marzo a súa postura "contundente" sobre o futuro de ENCE
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A 'Plataforma de apoio á industria' traslada a María Ramallo a súa preocupación polo futuro do Porto
Por Redacción |
-
Alertan da desaparición industrial da comarca por "un sentido del medio ambiente mal entendido"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A patronal pontevedresa pide que o alcalde capte investimento industrial para a cidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |