"Se abalanzó sobre mí y me degolló. Fue Sara sin ningún género de duda"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O 1 de febreiro de 2013, unha data da que están a punto de cumprirse dous anos, a veciña da Caeira (Poio) Lucila Esther R.D., estaba na súa casa cando recibiu unha visita que marcou a súa vida: unha persoa degolouna. "Pasar por un trance así claro que te afecta y te condiciona toda la vida", sinalou a presunta vítima este martes ao recordar os feitos ante o tribunal da Sección Cuarta de la Audiencia de Pontevedra que está a xulgar os feitos. Por esta degolación, cualificada polo fiscal como homicidio en grao de tentativa, hai unha única acusada, a segunda esposa do ex marido da vítima, a veciña de Silleda María Sara Darriba de Jesús.
O fiscal considera probado que intentou matala e que o seu móbil foi cobrar toda a pensión de viuvez á morte do seu marido, pois a presunta vítima estivo casada con el 36 anos e lle correspondía o 80% da pensión, mentres que ela quedou cunha parte reducida desta, apenas 200 euros fronte aos máis de 1.000 da primeira muller. A procesada negou de forma tallante tanto que quixese cobrar máis pensión como que fora a autora da degolación, pola que lle piden unha condena a sete anos de prisión.
Esta negativa da procesada contrasta coa versión achegada pola presunta vítima. A muller, de 73 anos, mostrou determinadas lagoas sobre detalles da súa vida de entón, pero a degolación marcouna tanto que pode reproducir exactamente o que pasou. Ese día quedara coa procesada porque ela lle chamara previamente para entregarlle uns discos de zarzuela do seu ex marido que tiña na casa e, cando chegou ao seu piso da Caeira e lle abriu a porta, "tenía algo para cortar en la mano, se abalanzó sobre mí y grite: 'Jaime, Jaime'. Sabía que mi hijo no estaba en casa, pero grité igualmente. Ella me dijo: 'ni Jaime ni Jaima', se abalanzó sobre mí y me degolló".
A pesar da insistencia da defensa de María Sara en que a persoa que atacou a presunta vítima puido ser calquera outra, pero ela, na súa declaración ante o tribunal, asegurou que "fue Sara" e que o sabe "sin ningún género de duda". Non sabe que pasou despois porque "empecé a perder el conocimiento". Cando espertou, un tempo despois que non é capaz de concretar, chamou á empresa da súa propiedade que agora pertence aos seus fillos e o seu fillo Jaime chegou en compañía dun compañeiro de traballo e chamou o 061.
A vítima contou ao seu fillo: "Fue Sara. Con un cuchillo que trajo ella"
O propio fillo, que este martes tamén declarou na Audiencia, indicou que chegou á casa, a súa nai estaba sentada no sofá, coa cara cuberta de sangue e díxolle: "Fue Sara. Con un cuchillo que trajo ella". El non tivo ningunha dúbida sobre quen era a persoa á que se refería porque "en común só coñecemos a esa Sara".
Nai e fillo non dubidan ao apuntar a acusada, pero ela, non obstante, segue mantendo que o día dos feitos nin sequera se trasladou ata Pontevedra ou A Caeira. "No es cierto", declarou e relatou todo o que fixo aquel día en Silleda. Á mesma hora á que presuntamente lle asestou un corte profundo á vítima á altura do pescozo no seu piso da rúa Oitavén asegura que estaba na casa e comeu coa súa filla e o seu pai. Esta versión dos feitos non puido concretala a filla da procesada porque foi chamada á sala de vistas, pero acolleuse ao seu dereito a non declarar contra a súa nai.
A procesada negou que tivese ningún interese na pensión que cobraba a presunta vítima e que, por normativa, se lle pasase algo, pasaría a cobrar ela. O fiscal sostén que ela era coñecedora desa circunstancia porque así llo comunicaron por escrito ao notificarlle que lle recoñecían a pensión de viuvez, pero ela indica que o descoñecía e mesmo sinalou que lle parece "lógico" que a outra muller cobrase unha cantidade maior porque "estuvo casada más tempo" ca ela co falecido, militar de profesión.
A acusada coñeceu o procesado cando traballou vendedora a comisión para a empresa familiar que levaba a presunta vítima e empezaron unha relación no ano 2000. Nese momento, o matrimonio entre o falecido e Lucila, segundo a presunta vítima, "ya estaba roto", pero a raíz da infidelidade cesaron a convivencia e el foise de casa. Catro anos despois, en 2004, o ex marido casou coa acusada e en 2007 el faleceu.
A procesada nega mesmo que o día dos feitos se desprazase dende a súa casa en Silleda ata A Caeira
A presunta vítima e a agora procesada non tiveran ningunha inimizade durante todo ese tempo, tal e como ambas as dúas aseguraron durante a vista oral na Audiencia. De feito, comunicáronse durante anos, ata que uns meses antes, segundo a vítima, a acusada a chamou para facerlle chegar fotografías, discos e libros do seu ex marido que tiña na casa. O día dos feitos presuntamente ía levarlle os discos e xa lle tiña enviado por correo as fotos e entregado en man os libros.
Esta situación confirmárona a secretaria da empresa familiar e o fillo da presunta vítima. A muller recordou que durante todos eses anos "Luci se había comportado siempre como lo que es, como una señora" e indicou que uns días antes deste incidente, de feito, lle recoñecera "María Sara me persigue" e contáralle os seus contactos telefónicos e que a procesada quedara en ir á súa casa para facerlle a entrega.
O xuízo continuará este xoves 29 de xaneiro na Audiencia coa declaración de policías e testemuñas despois de que este martes as médicas forenses que recoñeceron á presunta vítima pecharan a sesión nunha declaración na que aseguraron que a muller "podría haber fallecido" a causa da ferida causada no pescozo, que lle deixou como secuelas unha disfonía e unha cicatriz.
Relacionadas:
-
Confirman a condena para a viúva que intentou degolar á ex muller do seu marido
Por Oskar Viéitez |
-
Condenan a nove anos de prisión unha viúva por intentar degolar a exmuller do seu marido
Por Oskar Viéitez |
-
O fiscal da degolación da Caeira: "Sara sabía que si fallecía doña Lucila se acabarían sus problemas económicos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Enfróntase a sete anos de prisión por intentar matar á primeira muller do seu marido para cobrar a pensión
Por Natalia Puga |
-
Unha septuaxenaria, ferida grave tras ser acoitelada na súa propia vivenda na Caeira
Por Natalia Puga |