O fiscal da degolación da Caeira: "Sara sabía que si fallecía doña Lucila se acabarían sus problemas económicos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A degolación da que foi vítima Lucila Esther R.D. na súa casa da Caiera o 1 de febreiro de 2013 quedou este xoves visto para sentenza tras dous días de xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra. Unha vez escoitadas as declaracións da victima e a súa presunta agresora e de familiares, policías e forenses que tiveron algunha intervención nos feitos, o fiscal do caso, Jesús Calles, segue mantendo que a autora do que el cualifica como un homicidio en grao de tentativa é a veciña de Silleda María Sara Darriba de Jesús e que o seu móbil foi cobrar toda a pensión de viúvedade trala morte do seu marido e ex marido da vítima: "María Sara sabía que si fallecía doña Lucila se acabarían sus problemas económicos"..
A "prueba fundamental" que ve o fiscal é a declaración testifical da vítima, que falou de forma "clara, precisa, rotunda e contundente" e tanto na súa declaración esta semana ante a Sección Cuarta da Audiencia como cando declarou na fase de instrución do procedemento xudicial asegurou "sin ningún género de duda" que a persoa que lle cortou o pescozo cun coitelo foi a segunda muller do seu ex marido. Xa a acusou o mesmo día dos feitos. Despois do degolamento perdeu o coñecemento, pero en canto recuperou a consciencia avisou á empresa dos seus fillos e dixo que fora María Sara.
Ademais dese testemuño, o representante do ministerio público basea a súa acusación noutras probas. Unha delas, que saíu a relucir por primeira vez este xoves durante a segunda sesión do xuízo, é o resultado das análises de ADN que realizou a Garda Civil a unha serie de restos biolóxicos e vestixios localizados no coche da procesada. Nesas mostras atopáronse, segundo os peritos, os perfís xenéticos tanto da vítima como da acusada.
O exame das chamadas telefónicas da presunta agresora tamén apuntan á súa responsabilidade penal, pois ela asegurou desde o primeiro momento que o día dos feitos non se moveu de Silleda, pero os repetidores do sistema de telefonía detéctana na zona da Caeira, onde vivía a vítima. Ademais, a cámara de seguridade dunha vivenda próxima á casa onde se produciu o degolamento captou un coche de iguais características ao Mercedes da procesada e o fiscal non dá ningunha credibilidade ao testemuño de María Sara defendéndose de todas as acusacións por "la cantidad de veces que la acusada ha faltado a la verdad" ao longo desta causa.
Os peritos da Garda Civil atoparon o perfil xenético da vítima no coche da acusada
En canto ao móbil, tamén o ve claro o fiscal. Apunta que no momento do intento de homicidio tiña dúas contas bancarias, unha con tres euros e outra en números vermellos con -200 euros, e tiña dous créditos pendentes por un importe de 5.000 euros. Mentres ela sufría dificultades económicas e cobraba só o 8% da pensión de viúvedade do seu marido, a vítima ingresaba o 80% da paga, ao que o fiscal apunta que "estaba pasando apuros económicos y vio a posibilidad de solventarlos" matando á primeira muller. Co seu falecemento, pasaría a cobrar ela toda a pensión.
O fiscal mantivo todas as acusacións contra a acusada, pero quixo modificar a súa petición de condena nun extremo. Entende que unha vez que salga de prisión debería ter en vigor unha orde de afastamento que lle prohiba aproximarse a máis de 300 metros da vítima ou comunicarse con ela durante un período de 10 anos.
O avogado defendor de María Sara nega todas as acusacións e pide a nulidade das actuacións realizadas neste procedemento, argumentando que a súa clienta non puido defenderse con totais garantías e que se realizaron dilixencias policiais que non cumprían a legalidade, tales como o rexistro do coche da procesada sen a súa autorización.
A avogada da vítima: "Cuando se fue creyó que la dejaba muerta"
Fronte a el manifestáronse os avogados da vítima e do Servizo Galego de Saúde, este último para reclamar á acusada o pago dos gastos sanitarios derivados das feridas da vítima e da súa atención médica entre o 1 de febreiro e o 18 de marzo de 2012, que cifraron en 19.210,36 euros.
A defensa da vítima mantén a mesma acusación que o fiscal, pero mentres a acusación pública mantén que os feitos foron un homicidio en grao de tentativa polo que a procesada debería ser condenada a sete anos de prisión, a avogada particular mantén que foron un asasinato en grao de tentativa. Baséase en que lle fixo un corte "en una zona vital", aproveitándose de que a súa vítima tiña 20 anos máis e sen darlle posibilidade a defenderse. Fíxoo, pois de forma premedidata, "con total frialdad", con alevosía e "de forma sorpresiva" e non a rematou porque se creu que xa estaba morta. "Cuando se fue creyó que la dejaba muerta", concluíu.
Relacionadas:
-
Confirman a condena para a viúva que intentou degolar á ex muller do seu marido
Por Oskar Viéitez |
-
"Se abalanzó sobre mí y me degolló. Fue Sara sin ningún género de duda"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Enfróntase a sete anos de prisión por intentar matar á primeira muller do seu marido para cobrar a pensión
Por Natalia Puga |
-
Unha septuaxenaria, ferida grave tras ser acoitelada na súa propia vivenda na Caeira
Por Natalia Puga |