Un motorista e unha viandante resultan feridos nun atropelo en Vilanova
Por Redacción
Un motorista e unha menor de 16 anos resultaron feridos e tiveron que recibir asistencia sanitaria este luns tras verse implicados nun accidente de tráfico no termo municipal de Vilanova de Arousa.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, un particular deu a alerta do accidente e explicou que un motorista presuntamente atropelara unha viandante na estrada que comunica o polígono de Tremoedo e Pontearnelas.
Fontes de Protección Civil indicaron ao 112 que a ferida era unha rapaza de 16 anos que tivo que ser trasladada en ambulancia e, a maiores, pediron a presenza dunha nova ambulancia para o traslado do motorista.
O accidente produciuse pasadas as 15.20 horas deste luns e ao lugar acudiron efectivos de Protección Civil, a Garda Civil de Tráfico e Urxencias Médicas de Galicia, segundo o 112.
O 112 tamén tivo constancia a primeira hora da tarde deste luns, pouco despois das 16.00 horas, dun accidente consistente nunha colisión na avenida de Pontevedra de Vilagarcía. Unha hora e media antes, sobre as 14.30 horas, rexistrouse outro accidente en Cotobade.
O sinistro produciuse na estrada entre Mullereiro e Cerdedo, uns cinco quilómetros de Tenorio, e consistiu nunha saída de vía na que un turismo rematou envorcado.