RedeAxuda amplíase, abre a porta a colectivos do ámbito da discapacidade e a dependencia
Por Redacción
RedeAxuda naceu a principios de ano pensando en converterse nunha rede na que dar cobertura ás persoas máis desfavorecidas. Consolidada a iniciativa, o Concello de Pontevedra entende que é o momento de dar o salto a outro tipo de entidades que traballan o eido social, "dado que a actual crise está alcanzando a un gran número de familias de todos os sectores sociais".
Chegados a este punto, a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, pensou nas asociacións vinculadas ao ámbito da discapacidade e da dependencia e este xoves mantivo unha reunión con representantes de diversas entidades para pedirlles a súa adhesión ao proxecto.
Fouces entende que "ao incluir a este tipo de colectivos, a rede faise máis rica e permite aproveitar máis sinerxias para coñecer máis situacións de emerxencia, favorecer o intercambio entre os colectivos ou, incluso, impulsar o voluntariado entre as asociacións".
Logo do encontro celebrado na Casa da Luz, as entidades Anfapo, Amigos de Galicia, Federación de Xordos, Asociación de Xordos Río Lérez, Xuntos, Juan XXIII, Asociación contra o cancro, Amencer e Amizade-Cogami apostaron por participar da Redeaxuda, e mellorar a actuación preventiva en casos de familias que comecen a estar en situacións difíciles.
Segundo indicou o Concello ao término do encontro, "acordaron ampliar a rede e impulsar a área de voluntariado; deseñar proxectos interasociativos que beneficien ás persoas necesitadas destes servizos, en particular, pero a toda a cidadanía, en xeral".
Fouces considera que "é o momento de que todos os colectivos, entidades ou asociacións que traballan directamente no ámbito social traballen en conxunto para mellorar a calidade de vida dos veciños de Pontevedra que están a pasar por dificultades, o que redundará na calidade humana da cidade". Nesta liña de contactos, manterá proximamente encontros coas asociacións de veciños.
Relacionadas:
-
Unha intérprete de lingua de signos, a disposición da comunidade xorda de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello reclama a colaboración dos veciños para alertar ante emerxencias sociais
Por Oskar Viéitez |
-
Entrega de alimentos á RedeAxuda: "A xente é máis solidaria coa crise"
Por Natalia Puga |
-
En RedeAxuda fan falta mans
Por Redacción |
-
Funcionarios do Concello de Pontevedra entregan unha "tonelada de solidaridade" á Rede Axuda
Por Oskar Viéitez |