Unha cafetaría-restaurante no edificio do antigo Banco de España?
Por Alejandro Espiño
Os plans do Goberno para o edificio do antigo Banco de España cambiaron. Tras reformar o inmoble e trasladar a este os servizos de estranxeiría, agricultura e pesca e a inspección de telecomunicacións, esperábase que as dependencias recibiran tamén o servizo provincial de Costas e a oficina de expedición do DNI. E segundo puido saber o Concello de Pontevedra, estes dous últimos non se mudarán alí. Polo menos, de momento.
De feito, a Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio (Segipsa) xa pensa en novos usos. Realizou unha consulta urbanística para saber se é posible que o inmoble poida acoller outro tipo de ofertas. O edil de Urbanismo, Antón Louro, explicou que "hai interese por parte deles" de abrir unha cafetaría-restaurante no edificio e a intención inicial sería alugar estas instalacións a terceiros.
Antes de poder autorizar un proxecto como este, a Comisión de Urbanismo acordou encargar un informe exhaustivo á asesoría xurídica do Concello para que aclare a situación legal dun edificio que está catalogado como equipamento público e suxeito ademais aos condicionantes que marca o Peprica, o plan especial de protección para o centro histórico da cidade. Será entón cando se conteste esta consulta urbanística.
En todo caso, Antón Louro adiantou que, tal e como está ideado inicialmente este proxecto, será difícil que poida ser autorizado. Ao igual que aconteceu cos proxectos de aparcadoiro para o Hospital Provincial ou o Instituto Galego de Vivenda e Solo, este tipo de equipamentos debe estar vinculados co uso do edificio. ÿ dicir, no caso desta cafetaría só podería autorizarse se está destinada a dar servizo a empregados e usuarios destas dependencias.
Ademais, non se poderían alugar as instalacións a terceiros, senón que neste caso só se admitiría a fórmula da concesión, como aconteceu, entre outros, coas cafetarías do Pazo da Cultura, o edificio da Xunta en Campolongo ou o Museo de Pontevedra.
A CAFETARÍA DA XUNTA, SEN LICENZA
A Comisión de Urbanismo tamén requiriu a Xunta de Galicia a que volva solicitar a correspondente licenza da cafetaría situada na planta baixa do edificio administrativo de Campolongo. Tras varios requirimentos, o goberno autonómico presentou unha licenza á que se lle pediu varias modificacións que non foron resoltas, polo que o expediente caducou e deben iniciar o proceso de novo.
Relacionadas:
-
Reclaman que as oficinas de emisión do DNI se trasladen xa ao antigo edificio do Banco de España
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O baixo do edificio Olmedo acollerá unha pizzaría que precisa 35 traballadores
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Un gastrobar, barra de viños, tenda e aula-taller: Así será o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |