O baixo do edificio Olmedo acollerá unha pizzaría que precisa 35 traballadores
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O baixo do histórico edificio de Almacenes Olmedo acollerá unha pizzaría da marca "Nación Pizza y Pasta" que xa conta con locais en Vigo, A Coruña, Lugo, Salamanca e Oviedo.
A empresa Nación Curros Enriquez S.L., con sede en Porriño, solicitou licenza municipal de obra para o acondicionamento deste local para montar un restaurante dun tenedor.
O portal de busca de emprego Infojobs publica que esta pizzaría necesita 35 traballadores. Nestes momentos está aberto o proceso de selección de persoal. "Buscamos camareiros ou/e cociñeiros sobre todo con gañar de traballar. Do persoal seleccionado, promoveranse encargados do establecemento ou futuros responsables dos outros locais abertos ou as novas aperturas", di a oferta.
Segundo confirmaron dende a propia empresa, algúns dos postos xa foron cubertos e os traballadores encóntranse facendo as prácticas en Vigo, para empezar en Pontevedra con certa experiencia.
Os promotores esperan poder abrir o día 11 de decembro
Sobre a data de apertura, os promotores esperan poder abrir o día 11 de decembro aínda que a inauguración estará supeditada á conclusión das obras de reforma do local que incluirá a súa insonorización e a instalación da cociña.
O local do edificio Olmedo ten 564 metros cadrados de superficie repartidos entre baixo e entreplanta e acolleu tempo atrás ás franquías Casa e Crack Hogar. Agora prepárase para aloxar unha pizzaría para o que xa recibiron un primeiro informe favorable por parte dos servizos urbanísticos do Concello de Pontevedra.
Debido á tipoloxía do establecemento e dado o seu aforamento, o Regulamento de Policía de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas esixe un período de exposición pública para que os veciños lindantes teñan a posibilidade de presentar alegacións ao proxecto. Unha vez concluído este período o expediente será remitido á Consellería de Presidencia para o seu dictame. Cando resolva, ainda non o fixo, pasará pola comisión municipal de urbanismo e posteriormente pola xunta de goberno local.
Aprobada a licenza de obra o restaurante xa podería abrir automaticamente grazas á nova tramitación 'express', que permite a súa apertura mediante comunicación previa ao Concello.