Un gastrobar, barra de viños, tenda e aula-taller: Así será o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os irmáns Cannas, Xoán e Xosé, adiantaron este martes como será o seu novo restaurante no Museo de Pontevedra, que xestionará e explotará a súa empresa Pepe Vieira S.L.
Xosé Cannas subliñou que se trata de "trasladar los conceptos del alta cocina al tapeo" e conseguir que "la cocina de innovación y vanguardia deje de ser una cima reservada a los gourmets, snobs y críticos gastronómicos para que todo el mundo pueda disfrutar de estas creaciones culinarias". Para elo, avanzou, haberá prezos "asequibles".
A proposta inclúe restaurante, gastrobar, barra de viños, tenda e aula formativa e terá na aposta polos produtos do campo e das lonxas galegas o eixe central da súa cociña.
CONCEPTO EAT & GO
Baixo o concepto Eat & Go, o restaurante do Museo presentarase cunha carta baseada nos produtos da Praza de Abastos de Pontevedra. Os irmáns Cannas conciben o novo restaurante como "elemento motor de una gastronomía local cuidada", pero que ao mesmo tempo busca que o Museo cobre vida tamén na cociña.
Así, incluiranse tres modelos de menú: menús de temporada, que variarán en función dos produtos propios de cada estación; menús temáticos centrados nas exposicións temporais do Museo e un Menú Castelao, "en homenaje a la cultura culinaria gallega" e a un dos fundadores do propio Museo.
Pola súa banda, a cafetería e a terraza organizaranse en diferentes espazos, de forma que non só se poida tomar un café, un licor ou unhas tapas, senón que sirva de "epicentro" da vida social e cultural de Pontevedra".
O espazo principal será o destinado a Tapas Bar-Gastrobar cunha ampla liña de tapas frías e quentes de marcado sabor galego, centradas nos produtos do mercado de abastos e pensadas para compartir, para disfrutar en grupo.
Outra pequena área converterase nunha Barra de Viños, un verdadeiro escaparate dos mellores viños das Rías Baixas, pero tamén do resto de Galicia. E para os que non gusten do viño, tamén se servirán cervexa e bebidas non alcohólicas.
A terraza será un "restaurante informal" e de ambiente relaxado.
A oferta presentada polos irmáns Cannas para o Museo inclúe a apertura dunha tenda que "recupera la esencia de los ultramarinos de siempre" e onde, ademais de tomar un viño ou aperitivo, se poderán comprar regalos gastronómicos como conservas galegas, viños, queixos, licores ou mel; e completarase cunha aula coa que Xosé e Xoan Cannas pretenden achegar a gastronomía e a enoloxía aos veciños e visitantes de Pontevedra.
Así, a proposta coa que Pepe Vieira S.L. se fixo coa xestión e explotación destes espazos inclúe a organización de cursos, monográficos, charlas e obradoiros relacionados coa arte culinaria e dirixidos a diferentes colectivos, desde amas de casa ata asociacións e executivos.
Finalmente, o espazo destinado a explotación hosteleira do terceiro andar do Sexto Edificio concíbese como un área multifuncional, equipada para o descanso do visitantes (con sofás ou zona de lectura, entre outras cousas), pero tamén para acoller diferentes eventos, desde catas de viño ou tertulias culturais, pasando por presentacións ou reunións de traballo.
Relacionadas:
-
Unha doce colaboración para unha boa causa
Por José Alberto Graña Pérez |
-
Abre La Ultramar, o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha cafetaría-restaurante no edificio do antigo Banco de España?
Por Alejandro Espiño |
-
O mercado de San Miguel ou La Boquería, referentes para a Praza de Abastos de Pontevedra?
Por Alejandro Espiño |
-
Pepe Solla, Yayo Daporta, Javier Olleros e Pepe Vieira revalidan, un ano máis, as súas estrelas Michelín
Por Alejandro Espiño |
-
Sacan a licitación os contratos para o mobiliario do novo restaurante do Museo
Por Redacción |
-
Pepe Vieira xestionará o restaurante e a cafetería do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pepe Vieira e Eirado da Leña, aspirantes a asumir o restaurante do Sexto edificio do Museo
Por Redacción |
-
O restaurante do Museo levará o nome de 'Miliarium'
Por Diego Espiño |