A factura do a luz do Concello é un 21% máis barata que o ano pasado
Por Redacción
O Concello de Pontevedra empeza a recoller os froitos das obras de eficiencia enerxética acometidas nos últimos anos. O custo da factura eléctrica do Concello reduciuse, lográndose un aforro próximo ao 21%, con respecto ao pasado ano.
Segundo informou o voceiro do goberno local, Raimundo González, en 2013 pagáronse preto de 2,2 millóns de euros en consumo eléctrico mentres que este ano se pagarán 1,8 millóns.
Para valorar a importancia deste aforro Raimundo González recordou que a organización de consumidores, Facua advertiu que dende agosto a factura é máis elevada que coa poxa que eliminou o Goberno ao comezar o ano. En concreto, a luz en novembro é un 12,4% máis cara que en xaneiro: subiu 8,39 euros mensuais para o usuario medio.
Este aforro municipal tamén é consecuencia dunha serie de decisións como os investimentos realizados nos últimos meses en iluminación pública e os que están en marcha por un importe superior aos 350.000 euros por parte do Concello, aos que hai que sumar 150.000 euros máis que achega a Deputación mediante un convenio.
Son actuacións localizadas no novo vial entre a rúa Médico Ballina e Monte Porreiro, ou entre Médico Ballina cara a Campolameiro, na Praza Marqués de Valterra, rúa San Antoniño, na avenida de Domingo Fontán e tamén no ámbito do Pavillón de Deportes.
Pero ademais Raimundo González citou outras decisións que contribuíron a este aforro como o axuste da potencia contratada ou a regulación horaria.
Relacionadas:
-
Pontevedra reduce a factura da luz no 2014 en case un 20%
Por Alejandro Espiño |
-
Que se faga a luz!... e acenderon os novos farois de Monte Porreiro
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
As avenidas de Bos Aires, Uruguai e As Corbaceiras quedarán apenas sen semáforos
Por Alejandro Espiño |
-
Setga deseña un sistema para avaliar en tempo real os consumos eléctricos dunha cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Adxudican máis de 400.000 euros en obras ás empresas Setga e EC Casas
Por Oskar Viéitez |