As avenidas de Bos Aires, Uruguai e As Corbaceiras quedarán apenas sen semáforos
Por Alejandro Espiño
Unha media ducia de semáforos, todos eles situados nas avenidas de Bos Aires, Uruguai e As Corbaceiras, van ser retirados polo Concello de Pontevedra. O goberno municipal entende que cos cambios realizados nelas en materia de mobilidade e accesibilidade xa non son necesarios. En liñas xerais, só se manterán os que axuden a regular o tráfico nas rotondas.
Segundo explicou Luis Bará, tras a colocación dos pasos elevados nestas tres avenidas, os semáforos perderon certa razón de ser. Ademais, os peóns non adoitan esperar a que se poñan en verde e cruzan cando teñen oportunidade, o que crea certos episodios de risco para a seguridade vial. Negociarase coa Policía Local cales se retiran, aínda que a intención é suprimir entre "cinco e sete" semáforos dende o Burgo e a desembocadura do Gafos.
En principio, retiraranse os semáforos situados en fronte do mercado de abastos, o primeiro tras a ponte do Burgo (diante do soar no que se proxecta un tanatorio) e practicamente todos os situados entre o Club Náutico e o peirao das Corbaceiras.
Esta é unha das principais actuacións que, de aquí a final de ano, se levarán a cabo no eixe de mobilidade entre as pontes do Burgo e As Correntes.
Outra destas obras será a creación dun paso de peóns elevado que una, na avenida Domingo Fontán, o paseo fluvial do Lérez coa Xunqueira de Alba. Para iso haberá que modificar as beirarrúas, xa que levará aparellado un carril para o paso dos ciclistas. Correrá a cargo da empresa COVSA. Ademais, Setga mellorará a iluminación de todo este tramo, actualmente insuficiente coa luz dos farois do paseo.
Pola súa banda, a empresa Stradia mellorará o pavimento da rotonda de Galeras, que actualmente se encontra en moi mal estado. Tamén actuarán na parte final da ponte do Burgo, para resolver o problema recorrente coas xuntas de dilatación, en fronte da praza de Valentín García Escudero.
En total, invertiranse 205.041 euros. Nestas partidas se inclúe además a creación de pasos de peóns elevados en Padre Gaite, entre o estadio da Xuventude e o pavillón universitario; e no Paseo Colón, fronte a rúa Monteleón.
FUTURO DA PONTE DO BURGO
Ademais destas actuacións, Luis Bará referiuse ao futuro da ponte do Burgo. O goberno municipal baralla dende hai tempo peonalizalo de forma total ou parcial e recuperar a súa estrutura orixinal. O edil nacionalista sinalou que se está a ultimar un estudo de tráfico na zona para analizar o impacto que tería esta decisión, aínda que xa avanzou que sería escaso xa que, por exemplo, o carril de saída ata O Burgo "apenas se usa xa".
Este estudo irá acompañado tamén dun informe que propoña, probablemente coa aprobación de Patrimonio, o tipo de materiais que se poden utilizar e as cuestións estéticas que deberían rexer ante calquera intervención na vella ponte.
Relacionadas:
-
Inician a retirada de cinco dos oito semáforos que hai en Beiramar
Por Redacción |
-
Case 300.000 euros para mellorar a iluminación e a mobilidade na marxe dereita do río
Por Redacción |
-
A factura do a luz do Concello é un 21% máis barata que o ano pasado
Por Redacción |
-
Peche dun carril na Ponte de Santiago e reapertura do tráfico na avenida de Marín
Por Oskar Viéitez |