Case 300.000 euros para mellorar a iluminación e a mobilidade na marxe dereita do río
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Obras, Luís Bará visitaron este venres as melloras en accesibilidade, mobilidade e seguranza viaria que o Concello está a executar na marxe dereita do río Lérez, entre as pontes de Santiago e das Correntes. O proxecto supuxo, até o de agora, un investimento de preto de 300.000 euros.
O punto de encontro foi o novo paso de peóns elevado na Ponte de Santiago con Rafael Areses, rúa na que o Concello tamén habilitou un carril bici que conecta a Illa das Esculturas coa Ponte do Burgo, mellorando a mobilidade ciclista e peonil neste ámbito.
Esta obra tivo un custe de 158.000 euros, e é a primeira para "transformar conceptualmente a avenida de Compostela", na actualidade, unha vía de alta capacidade e de alta velocidade. O propósito é convertela en urbana con tráfico calmado, conseguindo integrar o borde do río e a conexión da Xunqueira coa trama urbana, nun espazo especialmente importante polos seus usos escolares, deportivos e de lecer.
A obra tamén implica un cambio na distribución dos espazos: máis para peóns e bicis, e menos para o tráfico rodado, mellorando a mobilidade peonil e ciclista nos eixos cidade-campus e Ponte do Burgo-Ponte dos Tirantes.
Na actualidade xa se están a executar outros dous pasos de peóns elevados na avenida de Compostela, entre as rotondas de Xoán Manuel Pintos e Pasarón, e que poderán estar rematados nunhas semanas.
NOVA ILUMINACIÿN PÿBLICA
Neste ámbito, o Concello tamén renovou a iluminación pública substituíndo todas as luminarias de sodio por leds, nun proxecto que comprende Xoán Manuel Pintos e Domingo Fontán, até a rotonda de Bombeiros.
O orzamento deste proxecto supera os 140.000 euros e supón un aforro dun 80% dos consumos actuais en todo este ámbito, ademais de contribuir a mellorar a seguranza viaria na marxe dereita do río.
CONCENTRACIÿN DE MASA CRÍTICA
A comitiva que visitou a zona encontrouse cun grupo de ciclistas do colectivo Masa Crítica, que se concentraron en solidariedade do falecido este venres na autovía de Marín.
Tanto os ciclistas coma o propio alcalde coincidiron na perigosidade desa vía, titularidade de Fomento, e na necesidade de ampliar o paseo iniciado na saída de Pontevedra ata Marín.