Unhas 75 persoas competirán polo título de mellor cantante de karaoke de Marín
Por Redacción
O "I Karaoke Concello de Marín" xa ten aspirante. As inscricións pecháronse o venres e a organización do concurso celebra o gran número de persoas que se animaron a participar nel. En concreto, haberá 25 concursantes na categoría infantil e case 50 na categoría de adultos. Un éxito que levou a cancelar a sesión libre que esta prevista para o mesmo día.
As actuacións serán por orde alfabética, dando comezo o sábado 6 de decembro ás 20.30 horas o concurso infantil. Tras a participación do último concursante, e mentres o xurado delibera, actuará o Mago Noel. Ao rematar a actuación pedirase aos participantes que suban ao escenario para darlles a coñecer os seis finalistas que por decisión irrevogable do xurado, volverán actuar o domingo.
Todos os nenos participantes se levarán como recordo unha medalla conmemorativa.
Deseguido comezará o concurso sénior. Ao rematar o último participante, o xurado retirarase para deliberar e o Mago Noel volverá ao escenario. Será despois cando se coñezan os dez finalistas que se enfrontaran na final de domingo.
O domingo, día da gran final, volverase empezar ás 20.30 horas co concurso infantil, pero coa novidade de que durante o tempo que duren as deliberacións do xurado, actuará o cantautor ferrolano Marcos Mella, que tamén formará parte deste.
O xurado estará composto por profesionais da música e un funcionario do Concello que actuará como secretario.