Os Bolechas protagonizan a nova campaña da Deputación de Pontevedra contra o abandono animal
Por Redacción
A Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra acolleu este xoves a presentación da nova campaña contra o abandono de animais e a favor da tenza responsable posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, a través do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN).
Case dous centenares de nenos, xunto con educadores e persoal da Deputación acudiron á presentación, á que non faltaron todos Os Bolechas, protagonistas desta iniciativa.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, participou no acto, onde destacou o gran labor que se está a realizar no CAAN e o "ritmo alto" de adopcións que mantén o centro, con 535 animais adoptados dende a súa apertura hai 17 meses.
A sensibilización social é o eixe central da campaña, que dá comezo tan só dous meses despois de pecharse a anterior cun notable éxito, xa que só un mes despois de iniciada, as adopcións se multiplicaron pasando dunhas poucas á semanas a superar a media dunha diaria.
A nova campaña consta de dúas partes: unha orientada aos adultos e outra centrada nos máis pequenos e as súas familias, cos Bolechas como protagonistas.
Baixo o lema "E ti de quen ves sendo? ", preténdese promover a identificación dos animais co correspondente microchip, dado que na actualidade, e malia ser obrigatorio por lei, o 80% dos animais recollidos no CAAN estaban sen identificar.
Para concienciar sobre esta necesidade editáronse 15.000 carteis e trípticos que se están a distribuír nos concellos da provincia, en centros escolares, clínicas veterinarias e outros centros frecuentados pola poboación.
A outra parte da campaña súmase a destinada a concienciación dos máis pequenos sobre o coidado dos animais, a través de 8.000 libros titulados Os Bolechas van ao CAAN.
Este conto pódese descargar na propia web dos Bolechas, que tamén inclúe unidades didácticas, xogos online, pósteres, miniguías e toda unha serie de recursos centrados na promoción dunha tenza responsable de animais.
Relacionadas:
-
Propoñen á Deputación que o Centro Príncipe Felipe lidere a loita contra a pobreza infantil na provincia
Por Redacción |
-
Máis de 3.000 animais rescatados e 500 adopcións, balance do CAAN no seu primeiro ano e medio
Por Redacción |
-
Un anxo da garda para Ángel
Por Redacción |
-
Falece un can abandonado nun acantilado de Marín e rescatado polo CAAN
Por Redacción |
-
CAAN pide responsabilidade cidadá ante os casos de envelenamento de cans
Por Redacción |