Un minuto de silencio para que "cada día haya más minutos sin fallecidos en carretera"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As vítimas de accidentes de tráfico e os seus familiares e amigos estiveron este luns máis presentes que nunca na Xefatura de Tráfico de Pontevedra. Autoridades, traballadores e asociacións de afectados gardaron un minuto de silencio co que quixeron facer un chamamento á necesidade de "velar juntos porque cada día haya más minutos sin fallecidos en carretera".
O manifesto oficial en recordo ás vítimas correu a cargo do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, que recordou que "las lesiones y muertes por accidente de tráfico siguen siendo un problema de salud con magnitud de pandemia", un problema "tan grave" que só no minuto en que se gardou silencio ante a Xefatura pontevedresa entre dúas e tres persoas terán falecido no mundo por este motivo.
Un dos obxectivos da conmemoración é estimular á sociedade nunha loita común cara ao cesamento desta "sangría" que nos últimos 30 anos se cobrou a vida de 11.178 persoas en Galicia, 2.852 delas na provincia.
Tan só no que vai de ano, nas estradas pontevedresas rexistráronse 18 vítimas mortais. Segundo indicou o xefe territorial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje Calzada, as cifras de sinestralidade son "ligeramente más reducidas" dentro dunha "tendencia a la reducción" do número de accidentes na provincia. En canto ás causas que hai detrás deses sucesos, as dúas máis frecuentes son "las distracciones y la velocidad inadecuada".
A UVAT atendeu dende febreiro de 2013 a 175 vítimas por teléfono e 16 casos complexos en Pontevedra
No acto celebrado fronte á Xefatura Provincial de Tráfico participaron traballadores da Unidade de Vítimas de Accidentes de Tráfico (UVAT) que, dende a súa posta en marcha en febreiro de 2013, atenderon telefonicamente a 175 vítimas e en persoa nas oficinas da rúa Joaquín Costa mediaron en 16 casos complexos.
A UVAT ten como obxectivo fundamental paliar os efectos derivados do propio accidente de tráfico e os que resultan da relación que se establece entre a vítima e os sistemas xurídico-penal, policial, social e sanitario; facilitando as actuacións especializadas en distintos ámbitos na vida das vítimas (familiar, social, laboral, económico e, sobre todo, persoal) que puideron verse afectados gravemente como consecuencia do accidente.
Ana Belén Diéguez, traballadora desta unidade en Potnevedra, explicou que a principal axuda que demandan as vítimas está relacionada cos trámites burocráticos que teñen que realizar tras sufrir un accidente, dende saber onde conseguir o atestado do seu sinistro ata saber onde está o seu vehículo ou como relacionarse coa súa compañía aseguradora.