Pontevedra pecha outro ano sen mortos en accidentes de tráfico e con só cinco feridos graves
Por Alejandro Espiño
A cidade de Pontevedra pechou 2014 sen vítimas mortais por accidente de tráfico. Por terceiro ano consecutivo, non houbo que lamentar ningún falecemento nas estradas. Así se recolle na memoria da Policía Local, avanzada este luns polo voceiro do goberno municipal, Raimundo González. Trátase dun dato positivo que, segundo sinalou, non é illado e que enmarca na política de seguridade viaria do Concello de Pontevedra.
Raimundo González explicou que tamén descenderon notablemente os feridos graves neste tipo de sinistros, que segundo a normativa son aqueles que requiren como mínimo 24 horas de hospitalización. Dos doce que se rexistraron durante 2013, en Pontevedra só houbo cinco persoas con feridas graves, despois de verse involucrada nun accidente de circulación.
A falta dun maior detalle destes datos, que se presentarán en próximas semanas, dende o Concello de Pontevedra cren que esta baixa sinestralidade se debe ao "bo comportamento" da cidadanía ao volante, así como ás actuacións que dende o goberno municipal se foron implementando nos últimos anos como a zona 30, as medidas de redución de velocidade ou as campañas de seguridade viaria.
Ademais, González recordou que en 2014 tamén se actuou no ámbito dos centros educativos da cidade e se aplicaron outra serie de medidas de carácter interno no seo da Policía Local.
Estes datos animan o goberno municipal, sinalou o edil do BNG, a "seguir traballando" en materia de seguridade viaria, unha materia, dixo, "que non admite ningún tipo de relaxamento nin autosatisfacción". O obxectivo é conseguir que non haxa mortos nin feridos graves nas rúas da cidade de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Cinco feridos na colisión entre dous coches na avenida de Lugo
Por Redacción |
-
Un minuto de silencio para que "cada día haya más minutos sin fallecidos en carretera"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Minuto de silencio no Pleno en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico
Por Alejandro Espiño |