O PP pide ao goberno municipal unha maior transparencia na tramitación do orzamento
Por Redacción
O anuncio realizado o luns por Raimundo González sobre o estado de tramitación do presuposto para 2015 levou o Partido Popular a pedirlle ao goberno municipal unha maior transparencia en todo este proceso. César Abal solicita que se faga público este borrador de presupostos, aínda non negociado co PSdeG-PSOE, para permitir que asociacións e colectivos poidan facer as suxestións que consideren oportunas.
O concelleiro popular asegura que deben deixarse atrás "viejas políticas" e tramitar o presuposto municipal sen "opacidad". Ademais, esperan que se lles entregue o documento con tempo abondo para estudalo e presentar as correspondentes emendas, "y no como el año pasado que nos lo dieron solo 48 horas antes de aprobarse", cumprindo así o prazo mínimo legal.
Este asunto foi tratado na comisión de Economía e Facenda na que se deu conta do informe do pagamento a provedores no Concello de Pontevedra, cuxo prazo de demora se reduciu a 16,76 días de media no terceiro trimestre do ano.
Ademais, BNG e PSdeG-PSOE votaron en contra da proposta presentada "sen ningún tipo de informe que a avale", segundo Anxos Riveiro, para que se reducisen as taxas e impostos municipais. Entende o PP que a presión fiscal de Pontevedra está moi por enriba da do resto de concellos da provincia.
Neste sentido, o Concello de Pontevedra xa anunciou que todas as taxas e impostos municipais quedarán conxeladas de cara ao próximo ano 2015.