A Fracha di non ao "capricho político" da autovía A-57
Por Redacción
"Esta serra pola que acabamos de camiñar e pedalear hoxe deixaría de existir tal e como a coñecemos. Non só haberá unha mole de cemento polo medio, senón que desaparecerán os castiñeiros que acabamos de ver, as carballeiras, moitas das plantas e especies de fauna únicas que algúns puidemos gozar esta mañá". A mensaxe de alerta lanzouna este domingo a plataforma Salvemos a Fracha ás arredor de 250 persoas que secundaron a andaina e a ruta BTT organizada polo colectivo e por Masa Crítica para amosar a súa oposición ao proxecto da autovía A-57.
En nome dos afectados falou Bibiana Piñeiro, unha veciña de Marcón que leu un manifesto reivindicativo no que arremeteu contra a minstra de Fomento, Ana Pastor, á que acusou de que "segue empeñada en facernos un agasallo envelenado" porque "quere deixar pegada en Pontevedra", a cidade na que reside dende hai tempo.
O colectivo de afectados mantén que para deixar pegada na veciñanza non é necesario invertir 100 millóns de euros no primeiro tramo da A-57, en tan só 6,4 quilómetros. O proxecto supón, segundo os cálculos de 'Salvemos A Fracha', un investimento global de máis de 1.000 millóns de euros en 64 quilómetros entre Ponteareas e Curro.
Á vista destes datos e do impacto da autovía no monte da Fracha e no rural pontevedrés, dende a plataforma califican a autovía como "o colmo do despropósito", "un despilfarro en época de recortes" e "un capricho político ao que os hoxe aquí presentes dicimos non".
A andaina e a marcha BTT percorreron este domingo durante tres horas os montes afectados polo trazado do primeiro tramo da A-57 para chamar a atención sobre o impacto que terá esta infraestrutura no ámbito e nos usos sociais que lle dan os cidadáns. Entre os participantes había integrantes de distintos colectivos pontevedreses como Vaipolorío, a asociación Monte Pituco, Masa Crítica, Greenpeace ou UPyD e persoas chegadas dende distintos puntos de Pontevedra, Vigo, A Coruña ou Extremadura.
Os participantes que ían a pé e os que fixeron a ruta en bicicleta realizaron distintos percorridos, pero ambos os dous comezaron a remataron no lugar de Pintos, na parroquia de Marcón, nun dos puntos máis afectados polo trazado proxectado para a A-57. O punto de saída e reunión, segundo explicaron, quedará partido en dous por un talud de 60 metros de alto e 100 de ancho. Alí están ubicados na actualidade os depósitos que nutren de agua varias decenas de casas e que quedarían arrasados pola autovía.
Ambas as dúas rutas fixeron un percorrido circular e prolongáronse durante tres horas, confluindo no Alto da Fracha, un mirador natural sobre as rías de Pontevedra e Vigo. Nese punto os participantes deixaron depositada unha bandeira verde coa que se busca concienciar aos pontevedres que o frecuentan de que "en caso de que o proxecto siga adiante, o asfalto e o formigón partirán en dous a Serra da Fracha e ameazarán especies de fauna e flora únicas e en perigo de estinción".
A autovía A-57 promóvea o Ministerio de Fomento, pero 'Salvemos a Fracha' denuncia que conta coa complicidade do Concello de Pontevedra, non así do de Vilaboa, e dos tres grupos políticos maioritarios na capital, BNG, PSdeG e PP.
Relacionadas:
-
'Salvemos a Fracha' lanza un último SOS polo monte da Fracha e convida a unha andaina
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' recada fondos para pagar a vía xudicial contra a A-57
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' invita a Ana Pastor a dar un paseo pola Serra da Fracha, ameazada pola A-57
Por Redacción |
-
Mosquera calcula que Fomento comezará as obras da A-57 a mediados de 2015
Por Alejandro Espiño |
-
Esquerda Plural esixe no Congreso a paralización da autovía A-57 e a liberalización da AP-9
Por Redacción |
-
Convidan a 'tomar A Fracha' este domingo contra a autovía A-57
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Marcón deciden en asemblea apoiar as reivindicacións de Salvemos a Fracha
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' levará á vía xudicial o proxecto da autovía A-57
Por Redacción |
-
Os colectivos que alegaron contra a A-57 lamentan que se teñan "ninguneado" as súas reclamacións
Por Redacción |
-
A cabalo para defender o monte da Fracha da A-57
Por Redacción & Diego Torrado |
-
'Salvemos a Fracha comproba o impacto que terá o trazado proxectado para a A-57
Por Redacción |