Mosquera calcula que Fomento comezará as obras da A-57 a mediados de 2015
Por Alejandro Espiño
Fomento segue adiante co calendario previsto para executar o primeiro tramo da A-57 entre A Ermida e Vilaboa. Así se analizou durante a comisión de seguimento do convenio asinado entre o ministerio e o Concello de Pontevedra. Segundo avanzou o concelleiro César Mosquera, o departamento que dirixe Ana Pastor ten a "firme vontade" de iniciar estas obras "o antes posible".
En concreto, Mosquera explicou que Fomento traballa co "horizonte" de que a mediados de 2015 estean ocupados xa os terreos e pagadas as expropiacións, o que permitiría iniciar as obras. Neste sentido, adiantou que os técnicos do ministerio, tras finalizar a exposición pública do proxecto, están a ultimar xa as actas de ocupación para proceder ao pagamento destas expropiacións.
Os presupostos xerais do Estado de 2015 inclúen unha partida de 25 millóns de euros para esta autovía, diñeiro abondo segundo o concelleiro nacionalista para pagar estas expropiacións e comezar coas obras.
Con respecto á N-550, Fomento comprometeuse a estudar o proxecto que remita o goberno municipal para resolver os "reiterados problemas" para os peóns que presenta o tramo entre Médico Ballina e a PO-225 en Alba. En canto á zona sur, xa en Salcedo, se aplicará unha solución similar, aínda que neste caso "é máis complexo polo tráfico que hai", segundo Mosquera.
Tamén actuará o ministerio na N-541. Consignáronse 2,7 millóns de euros para unha serie de obras entre Pontevedra e Pedre (Cerdedo). Serán traballos puntuais para mellorar a seguridade vial en cruces e curvas pronunciadas. Afectará a 78 terreos que serán expropiados parcial ou integramente. Os prazos para esta actuación "sendo moi optimistas" levarán a que estas obras poidan iniciarse a finais de 2015 ou principios de 2016.
Aproveitando estes traballos, o Concello de Pontevedra pretende ir resolvendo o problema de falta de saneamento en varios lugares de Mourente. A medida que Fomento vaia executando as súas obras, o goberno municipal irá colocando os pasos para a rede de sumidoiros e a auga. E se a Xunta de Galicia accede a asinar un convenio co Concello "executarase todo o saneamento", afirmou César Mosquera.
No transcurso desta comisión, xustificáronse tamén os dous millóns de euros que xa se investiron no desdobramento da avenida de Vigo e se analizaron as obras na rede de pluviais do Nó do Pino. Ademais, o Concello de Pontevedra preguntou sobre os plans de Fomento con respecto ao nó de Bomberos e a ampliación do paseo marítimo da avenida de Marín, proxectos que serán detallados nunha próxima comparecencia.