"En nome e baixo o amparo da Igrexa secuestraron, captaron ao noso fillo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"En nome e baixo o amparo da Igrexa secuestraron, captado ao noso fillo e queremos que sexa a Igrexa quen nolo devolva". ÿ a petición desesperada, con bágoas nos ollos, dunha nai que leva dende o ano 2006 loitando contra a presenza do seu fillo G.M.P. na Orde e Mandato San Miguel Arcángel, unha organización relixiosa que nos últimos días saíu á luz ao vincularse ao seu fundador, Miguel Rosendo, con prácticas de fraude fiscal e abusos sexuais a algúns dos seus fieis e da que esta veciña de Cuntis non dubida en sinalar que "é en realidade unha seita".
M.S.P.; o seu marido, E.M.; e o seu outro fillo, D.M., decidiron dar a cara para transmitir o sentimento das familias afectadas pola organización de Miguel Rosendo, que en marzo foi destituído polo Bispado Tui-Vigo como froito dunha investigación por presunta fraude fiscal e abusos sexuais, así como para denunciar as prácticas da Orde e a forma en que reaccionou a Igrexa.
A familia M.P. agradece que se adoptase a decisión da destitución, pero cre que deberían ir máis alá e "convencelos -aos que seguen na Orde- de que están equivocados, de que iso non é a Igrexa". A Orde refundouse baixo o nome de San Miguel de las Almas Serviam e a súa sede trasladouse de Santa María de Oia á serra madrileña, un cambio no que pasou de 500 fieis dos seus mellores momentos a unha trintena.
Ademais, repróchalles que xa sabían o que pasaba coa Orde en 2006 porque esta mesma familia lle enviou cartas ao Bispado e á Nunciatura Apostólica e, sen embargo,"en ningún momento nos sentimos apoiados nin amparados" ante os feitos que estaban a denunciar. Agora que a noticia xa é de dominio público, pregúntanse "a que esperan para intervir e devolvernos os nosos fillos". Só eles poden axudalos porque "só a Igrexa pode convencer, xunto cun equipo de psicólogos, aos nosos fillos de que están equivocados".
Recórdanlles que eles non son os únicos afectados, senón que "hai moitas familias esnaquizadas que temen falar ou saír nos medios" e comprenden esta postura porque eles mesmos, esta familia de Cuntis, é consciente de que saíndo na rolda de prensa deste xoves no Hotel Galicia Palace de Pontevedra poden perder o seu fillo para sempre.
Conscientes diso, lanzan unha mensaxe a G.M.P., que dende que en 2009 ingresou na Orde como relixioso migueliano se chama Gabriel del Rostro de Cristo Crucificado. Dinlle que saben que despois desta comparecencia "te van transmitir que a túa familia quere arruinarche a vida" e que a partir de agora "imos ser como o mesmo demo para ti", pero, de todos os xeitos, queren deixarlle claro que "a túa familia está disposta a facer calquera cousa por ti e que na casa te esperamos cos brazos abertos".
Morreron seu avó e seu primo, foi ao funeral con tres membros da Orde e "non tivo nin un momento para intentar consolar ao seu pai, avoa ou tíos"
Nesa loita por recuperalo chegaron a darse por vencido, "intentando convencernos de que GM.P. era tan feliz como nos dicía e que debiamos respectar a súa decisión", pero decatáronse de que era imposible ao pasar momentos duros como os funerais do avó e o primo de 21 anos de G.M.P., aos que "asistiu acompañado por tres membros da Orde, chegaron á hora do funeral e se despediron de todos nós á saída do cemiterio", de tal forma que "non tivo nin un momento para intentar consolar ao seu pai, avoa ou tíos".
Ademais, animáronse a seguir loitando ao contactar con outras familias na mesma situación. Ninguén como eles entenden como se sentiron cando o seu fillo, nunha mesma semana do ano 2009 deuse de baixa na facultade, despediuse das súas amizades, retirou as súas pertenzas do piso que compartía con dous amigos en Vigo e borrou o que fora a súa vida ata entón para atender a que el denominaba como chamada do señor. Despois diso, o 18 de abril participou nunha cerimonia de entrada e os seus pais non volveron a velo ata catro meses despois, nun encontro no que o Padre Esteban, que lle acompañaba, deixoulles claro que "xa non eramos parte da súa familia" e que o afastamento "era necesario para que puidese vivir plenamente a súa vocación".
En xuño deste ano volveron velo, cando se despediu deles antes de irse a Madrid, onde a Orde fixou a súa nova sede, e xa non tiveron ningún contacto máis con el á marxe de chamadas telefónicas de 20 minutos cada 18 de cada mes. Mesmo a semana pasada quedaran para velo e deixoulles plantados por ir a un concerto en Granada e non saben nin o sitio exacto onde vive en Madrid, pois sempre que llo preguntan lles responde que non se acorda da dirección na que vive". Só saben que estuda Teoloxía na Universidade.
Nas reunións da Orde os asistentes "parecían estar convencido de que era o mesmo Deus quen lles falaba"
M.S. sente "sufrimento, desolación, impotencia, soidade, tristura" e un longo etcétera de sentimentos dende hai anos e este xoves todos eles se deixaron notar nos seus plabras cando contou como en 2002 o seu fillo tivo o seu primeiro contacto coa Orde a través dun campamento e, máis tarde, cando comezou a etapa universitaria en Vigo, foi meténdose cada vez máis nas súas redes. En 2006 notaron os primeiros sinais de alarma e acudiron á consulta que tiña Miguel Rosendo nunha herboristería para descubrir de que se trataba. Recorda que saíron "compunxidos" de alí e das reunións da organización ás que asistiron "das que lle chamou a atención que "non había cabida para a opinión persoal" e todos "parecían estar convencido de que era o mesmo Deus quen lles falaba".
A Orde foi investigada pola Policía Nacional e a Garda Civil, 14 familias con membros aínda integrados na organización contrataron un detective para facer un informe sobre as súas actividades, foi obxectivo dunha investigación interna da Igrexa e agora ten xudicializado no Xulgado de Primera Instancia e Instrución número 1 de Tui tras recibirse dúas denuncias en Pontevedra e Madrid.