"Quixeron cambiar a sociedade cun xiz na man"
Por Redacción
Recuperar do "abismo do esquecemento" a memoria daquelas mulleres que "trazaron con xiz as tres palabras que definen á liberdade: democracia, xustiza e igualdade", foi o motivo que levou á Federación Española de Traballadores do Ensino (FETE) da UXT a promover a gravación do documental 'Las maestras de la República', segundo relata o seu secretario xeral en Pontevedra e no Deza.
Juan Carlos Pires acudiu este mércores ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para presentar un filme, premiado na última edición dos Goya, que trata de amosar o "importante traballo de innovación educativa" realizado polas profesionais do ensino entre 1931 e 1936.
Na presentación deste filme, Pires estivo acompañado pola decana do centro, Emma Torres, e polo profesor Xulio Pardellas, coordinador dunha actividade que abriu recordando que, antes da II República, máis do 85% das mulleres e do 60% dos homes en España eran analfabetos.
Ademais de incidir na importancia do ensino público, o documental que nesta xornada se proxectou no campus tamén permitía achegar ao alumnado a unha época histórica moi complexa desde unha perspectiva de xénero, que debe ser un elemento transversal da vosa formación, como lles indicou a decana da facultade.