Fermín Ezkieta recordará os fugados de Ezkaba en 1938, entre eles o pontevedrés Amador Rodríguez
Por Redacción
O Pazo de Mugartegui acolle o vindeiro xoves 12 de febreiro, ás 20.00 horas, unha conferencia do escritor vasco Fermín Ezkieta Yaben, na que falará sobre a que foi a maior fuga carceraria coñecida en Europa.
Baixo o título Os fugados do Forte de San Cristóbal/Ezkaba 1938, Ezkieta explicará a historia de moitos dos 795 fugados documentados que se lanzaron cara a fronteira o 22 de maio de 1938, aínda que só tres ou catro conseguiron chegar a Francia.
O plan de fuga, as rutas que tomaron e a biografía dos que lograron acadar a súa meta, centrarán a súa conferencia.
Entre todos os fugados había 183 galegos, como o pontevedrés Amador Rodríguez, derradeiro fugado en ser capturado despois de tres meses; Leopoldo Picó, un dos cerebros da fuga; ou Antonio Valladares, outro dos organizadores. Tamén se fará fincapé no papel de diversas mulleres acusadas de complicidade que foron encarceradas.
Esta fuga ocupou no seu momento as portadas da prensa republicana e internacional, aínda que logo caeu no esquecemento e foi ocultada polos vencedores. En cifras, a fuga deixou 206 mortos enterrados nos vales entre o forte e a fronteira, 14 fusilados como dirixentes e outros 46 capturados que falecerían no forte ata 1943.
A conferencia está organizada polos colectivos Sempre con vós e A Regaduxa.