Pontevedra recupera a memoria das mestras da República represaliadas
Por Redacción
Las Maestras de la República, o documental elaborado pola Federación de Ensino Público (FETE) da UXT, será estreado en Pontevedra o próximo luns, a partir das 19.30 horas, nun acto aberto a celebrar na Casa das Campás. A longametraxe, dirixida por Pilar Pérez Solano, foi introducido este xoves polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández, e o secretario de FETE, Raúl Gómez Farto.
A proxección da cinta, cunha duración de 65 minutos, estará precedida por unha charla do profesor Anxo Serafín Porto Ucha, quen falará sobre o Maxisterio e os mestres represaliados da República.
Agustín Fernández describiu o audiovisual como "unha homenaxe a un grupo de mulleres modernas e independentes. Moi modernas e independentes para aqueles tempos. E, lamentablemente, tamén moi modernas tamén para os tempos que vivimos, se as comparamos coa ideoloxía retrógrada dos gobernos que estamos a padecer en Santiago e Madrid e expresada a través dos recortes no Ensino e a través da LOMCE".
O concelleiro felicitou a FETE UGT por recuperar a memoria deste colectivo que "serviu a un ideal pedagóxico que está hoxe máis vixente que nunca. Os que cremos na Educación pública e poñemos todos os días o noso grao de area non podemos baixar os brazos e resignarnos ás políticas de crucifixo dos actuais gobernantes", afirmou, para engadir a continuación que "podemos afirmar que rezuman aires franquistas na medida en que a influencia da Igrexa católica no Ensino creceu exponencialmente".
Raúl Gómez lembrou que unha das primeiras medidas adoptadas polos mestres e mestras da República foi a retirada dos tabiques de madeira que separaban a nenos e nenas nas escolas. Foron tempos, engadiu, "nos que se crearon 7.000 prazas de profesorado e nas que había gobernantes que pensaban que non podía haber verdadeira Democracia mentres os rapaces se viran condenados á ignorancia".